O pasado 10 de xuño celebrouse na sede do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña unha actividade para dar conta das últimas novidades en materia de eSaúde e, tamén, do amplo horizonte de posibilidades (tecnolóxicas, médicas, de atención, de calidade de vida) que se abre coa conxunción atención médica-tecnoloxías dixitais. Falamos do Taller de Tecnoloxía que impartiron enxeñeiros de telecomunicación colexiados que forman parte do grupo de traballo eSaúde do COETG/AETG. A actividade dirixiuse ao colectivo médico participante no 36º Congreso da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (Congeso SemFYC 2016), celebrado na Coruña entre os días 9 e 11 de xuño.
A xornada, coordinada polo xerente do COETG, Ricardo Fernández, consistiu primeiramente nunha mesa central a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: A Saúde e a súa información a traveso das redes de comunicación e os seus dispositivos. Unha xestión responsable. Nela contextualizouse o contido dos tres obradoiros específicos que viñeron de seguido en diferentes sesións simultáneas ao longo da mañá.
Deste xeito, a traveso da mesa central, os relatores afondaron en cuestións como por exemplo o potencial da accesibilidade e a conectividade ás redes de comunicacións fixas e móbiles para fornecer aos profesionais da saúde de “poderosas ferramentas para mellorar o servizo que prestan á sociedade”. Tamén fixeron fincapé nas vantaxes do “emprego responsable e eficiente das redes e os dispositivos por parte dos profesionais da saúde”, recursos que “garanten unha prestación sanitaria respectuosa cos dereitos dos pacientes”, salientaron os relatores, que tamén destacaron como o dereito de acceso á saúde e o acceso ás TIC son nos países desenvolvidos dúas cuestións firmemente interconectadas. A mesa estivo integrada polos colexiados Jacinto Parga Fernández, Paulino González Pan e César Mariñas Dávila.
O obradoiro primeiro, baixo o título A nube segura e impartida polos colexiados Pablo Soto Cid, Jacinto Parga Fernández e Sara Rodríguez Paz, tratou sobre o Big Data, a importancia do tratamento dos datos e da súa privacidade e sobre as vantaxes que achega o almacenamento na nube (pero tamén dos seus inconvenientes e perigos en materia de privacidade).
O obradoiro segundo, no que se afondou na cuestión do smartphone seguro e áxil, veu da man de Javier Fernández Fraga, Paulino Jesús González Pan e Jairo Chapela Martínez. Consistiu sobre todo en subministrar aos presentes unha serie de recomendacións para a instalación de aplicacións fiables, sobre os diferentes métodos de pago dende dispositivos e sobre as configuracións de seguridade e privacidade.
O obradoiro terceiro versou sobre accesibilidade e redes seguras. Foi impartido por Víctor Manuel Pita Vizoso, César Mariñas Dávila, Adrián Rodríguez Fernández e Óscar Rivas Viña. Abordáronse temas como os diferentes aspectos que permiten identificar os riscos potenciais no acceso ás redes ou as medidas de prevención básico que podemos adoptar para establecer comunicacións seguras: cifrado da información, certificado dixital, xestión de contrasinais, etc.
O COETG convocou ao colectivo médico nun completo obradoiro de tecnoloxías
Compartir Este Artigo

