A operadora Ocean”s vén de presentar unha serie de novidades nas súas ofertas de fixo, móbil e Internet, tanto para particulares como para empresas. Trátase, máis en detalle, das solucións Único e Engloga e as novas características coas que poderemos levar a cabo (segundo preferencias e necesidades) a nosa propia combinación nestas solucións, pudendo escoller entres diferentes modalidades de conexión á Rede e varias alternativas na nosa liña móbil principal. A gran novidade é a inclusión da fibra óptica simétrica a 300 Mpbs. “E todo isto”, sinala a compañía, “para facer máis competitivos os produtos de converxencia de Ocean’s”.
Os novos produtos preséntanse co seguinte reclamo: “Fixo, móbil e Internet nunha única factura e agora, ademais, con maiores posibilidades de elección para o cliente”. Os paquetes de converxencia acabados de lanzar, os devanditos Único e Engloba, son en palabras da compañía “a resposta de Ocean’s ás necesidades actuais dos usuarios de telecomunicacións”. E, tamén, a resposta a unha carteira de clientes da firma galega que non para de medrar e que se acompañou, este ano, cunha “clara aposta polo segmento de empresas”, plasmada no lanzamento das tarifas móbiles Business e que na actualidade ten a súa prolongación na saída ao mercado dos novos produtos que combinan fixo, móbil e Internet a través de Engloba.
En canto aos produtos de converxencia, varias son as melloras que experimentan nesta actualización as opcións para particulares (Único) e para empresas (Engloba). A principal céntrase en que Ocean’s suma as velocidades de 300 Mb á súa división de servizos vía fibra óptica. Estas serán igualmente ofrecidas nun total de 14 provincias españolas. A firma tamén destaca a posibilidade que agora ten o cliente para escoller entre tres tipos de liña móbil principal: 1 GB, 3 GB e 8 GB.
Asemade, a liña móbil principal elixida pode combinarse cunha das tres opcións de conexión a Internet que Ocean’s pon a disposición dos seus usuarios: ADSL ata 20 Mbps, fibra óptica 30 Mbps e a nova fibra óptica 300 Mbps. Ademais, sinala a compañía galega, “en todas as combinacións efectuadas entre as tres liñas móbiles principais e as tres modalidades de conexión a Internet dispoñibles, cómpre sumar a liña fixa tradicional coas súas vantaxes actuais”. En total, falamos de dezaoito combinacións posibles. Ou sexa, nove por cada un dos produtos de converxencia, para particulares (Único) e para empresas (Engloba).
Ocean’s presenta cos paquetes Único e Engloba novidades importantes de converxencia
Compartir Este Artigo

