O Concello de Ribadumia (Pontevedra) vén de presentar a súa nova presenza na web, ribadumia.org, unha aposta firme pola facilitade de uso, pola información clara e, sobre todo, pola utilidade. A páxina compleméntase cunha aplicación para dispositivos que reforzará o carácter comunicativo e participativo que se pretendeu achegar á plataforma: fornecerá avisos á veciñanza en tempo real das actividades do concello e de notificacións de toda índole, como por exemplo cortes de tráfico.
As novidades foron dadas a coñecer polo alcalde, David Castro, que fixo saber que a páxina presentada non é unha evolución da anterior, senón unha proposta cen por cen nova para cuxo desenvolvemento contouse coa “colaboración de todas as concellerías e empregadas” e dos profesionais da firma Galimaxina. O resultado, engadiuse na presentación, é unha web limpa, sinxela e clara.
Segundo informou o Concello, un dos puntais da nova plataforma é a súa arela de garantir a total transparencia das xestións a desenvolver polo Goberno local. Ademais, outro dos grandes obxectivos é facilitar ao máximo a participación. Neste senso, a web compleméntase con outra páxina, omeuconcello.ribadumia.org, onde a veciñanza pode comunicarse directamente do Concello e facerlle chegar as súas propostas e peticións. Como dixemos, a proposta tamén se enriquece cunha aplicación móbil que, segundo se fixo saber na presentación, “liberará aos cidadáns da necesidade de teren que estar pendentes da web para informarse de todo tipo de cuestións e novidades”.
Ribadumia aposta pola claridade e a comunicación na súa nova web
Compartir Este Artigo

