A impresión 3D e a seu vindeiro paso evolutivo, a impresión 4D, foron os eixes do último (que non derradeiro) almorzo tecnolóxico da Tecnópole de Ourense: o almorzo deste mes de xuño. A xornada dirixiuse a achegar información de valor sobre estas tecnoloxías ás empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia e tamén ás do Polígono de San Cibrao das Viñas, co obxectivo de que intercambiasen coñecemento e oportunidades de negocio arredor dos devanditos recursos. Baixo o epígrafe Posibilidades para a túa empresa da impresión 3D, os participantes recibiron claves prácticas dunha relatora experta na materia: Ana Gómez, fundadora de Masque3D, empresa de deseño para o modelado en tres dimensións.
Segundo fixo saber, cómpre que nos poñamos ao día nestes desenvolvementos, non só polo rápido que avanzan senón polo amplo horizonte de melloras que poden achegar ás nosas iniciativas de mercado. Gómez sinalou que “as tecnoloxías de impresión 4D agardan polo o seu momento para irromper no mercado con solucións que parecen de ciencia-ficción, mentres o 3D está revolucionando xa os procesos industriais de todos os sectores”.
Gómez fixo un percorrido polos diferentes tipos de impresoras 3D que existen no mercado, “moi evolucionadas e con múltiples variantes desenvolvidas especialmente nos últimos seis anos”, desde a popularización desta tecnoloxía, cualificada por ela como “a terceira revolución industrial”. No que atinxe aos materiais, sinalou que cada día “aparecen novas opcións”. Engadiu, en detalle, que a base habitual é a base de pellets de amidón de millo e ácido láctico, “totalmente biodegradable”, pero “existen xa moitas variantes con recubrimentos que brillan na escuridade, flexibles, de madeira, de cerámica, de metal, magnéticos, condutivos ou incluso reciclados, como o que se investiga na Universidade de Vigo a partir da casca de mexillón”.
Segundo explicou Ana Gómez, ademais dos xogos de mesa, os drons, as xoias, a escultura e os instrumentos musicais, esta tecnoloxía está permitindo xerar avances en eidos como a medicina, a moda ou a alimentación. “Os implantes e próteses, os audiófonos, as zapatillas deportivas, os complementos e ata as pizzas se están imprimindo xa en 3D, así como edificacións enteiras e pezas para coches de fórmula 1”, engadiu.
Sobre o futuro, Gómez salientou que a profesión de deseñador 3D está catalogada “como unha das cinco que maior potencial presenta”, ao que engadiu que xa se comezaron as probas da impresión 4D, que introduce a cuarta dimensión, a do tempo. Ao seu xuízo, isto “permitirá facer pezas que se modifiquen a si mesmas co paso do tempo, o que, por exemplo, no sector téxtil fará posible a produción dunha mesma prenda en diferentes talles”.
A Tecnópole achegou aos profesionais ás múltiples aplicacións das tecnoloxías 3D para as súas empresas
Compartir Este Artigo

