Esta semana o Concello de Amoeiro presenta a iniciativa Escola 3D, un pioneiro proxecto municipal asentado no uso das TIC e que, en palabras do Goberno local, “trátase da primeira escola adicada de xeito especializado á creación e ao deseño en tres dimensións, 3D”. O centro formativo, segundo informa o Concello, emprazarase no Centro de Iniciativas Empresarias e Formación do Concello de Amoeiro (antiga Biblioteca e Casa Consistorial) e contará con modernos equipos de procesamento, así como do software de deseño máis actualizado. Este centro de formación comezará a súa andaina o vindeiro 19 de setembro, co Curso de Inicio ó Deseño en 3D de 120 horas de duración, ao que seguirán posteriormente os curso de niveis intermedio e avanzado.
Segundo engade o Goberno local, as actividades formativas están orientadas tanto a profesionais que tenten mellorar a súa cualificación como a persoas en situación de desemprego que tratan de ampliar o seu abano laboral. Para facilitar a conciliación co traballo os obradoiros desenvolveranse de luns a venres, en horario de 19:00 a 22:00 horas. O custe por alumno das accións formativas será de 435 euros, “con independencia de que se trate dos cursos de iniciación, intermedio ou avanzado”.
As materias impartidas teñen “un amplo espectro de aplicación”. Este extenso ámbito temático do programa abrangue, entre outros, os seguintes eidos profesionais: arquitectura, enxeñería, deseño, topografía, delineación, interiorismo, carpintería, construción, etc.
O profesorado da Escola 3D de Amoeiro procede dos eidos da informática, da enxeñaría e da delineación, e, segundo engade o Concello, “conta cunha ampla experiencia no deseño en 3D”. Entre as empresas que colaborarán coa escola atópase Formas VIP, especializada en arquitectura, deseño industrial e nas diversas aplicacións nestes ámbitos do deseño en 3D. Tamén é responsabilidade desta firma o proxecto coñecido como Amoeiro 3D que figura na web municipal.
A iniciativa presentarase ante a veciñanza, en todos os seus detalles, este martes 28 de xuño, ás 18.00 horas da tarde na Casa de Cultura.
O Concello de Amoeiro impulsa unha pioneira escola especializada no deseño en 3D
Compartir Este Artigo

