
Á fronte desta iniciativa está o profesor vigués Manuel Vilares, do Grupo de Compiladores e Linguaxes, que explica que o que se coñece como análise de sentimento ou minería de opinións “é unha recente área de investigación” centrada en determinar de maneira automática se nun texto se opina ou non e se a opinión é positiva ou negativa sobre un tema, produto ou persoa.
Segundo informa a Universidade de Vigo, neste proxecto os científicos galegos traballan nunha mellora do soporte lingüístico integrado no tratamento de microtextos en español e galego, “linguas para as que recentes informes europeos poñen de manifesto un importante déficit, cunha especial incidencia na carencia de recursos sintácticos”, reflicten os investigadores. Por este motivo o equipo de traballo está formado por expertos cunha ampla experiencia no desenvolvemento de tecnoloxía propia dos ámbitos do Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), da Tradución, da Recuperación de Información (RI) e na Procura (automática) de Respostas (PR).
O obxectivo final é desenvolver un sistema efectivo de análise de opinións en español e galego para as redes sociais baseadas en microtextos e, como subliña Vilares, “para iso é preciso mellorar o rendemento das técnicas actuais de análise sobre texto estándar, deseñar mecanismos de adaptación a microtextos daqueles modelos e métodos de análise que son máis efectivos”.
Co obxectivo de facer especialmente rendible o labor desenvolvido polo grupo, apostouse por unha composición multidisciplinar, combinando coñecementos en lingüística computacional, tradución, recuperación de información e adquisición do coñecemento. Así, están implicados o Grupo de Compiladores e Linguaxes da Universidade de Vigo, con seis membros das áreas de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e Tradución, entres eles os catedráticos Manuel Vilares e Elena Sánchez Trigo; o Grupo de Sintaxe do Español de Santiago de Compostela, con dous membros; e o Grupo de Linguaxe e Sociedade de Coruña, con seis membros das áreas de Lingüística Xeral e de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial.
O proxecto arrancou en 2015 cunha posta ao día nas contornas de análise lingüística baseadas en dependencias sintácticas (non proxectivas). Esta tarefa requiriu o deseño dos analizadores e dos algoritmos de avaliación semántica das estruturas de representación do coñecemento así xeradas, así como dos módulos de detección idiomática e análise léxico. “Estas tecnoloxías están baseadas en boa parte en algoritmos de adquisición do coñecemento cuxo adestramento e posta en marcha son en extremo custosos”, sinala o devandito investigador, polo que o equipo deseñou unha ferramenta de predición do rendemento para este tipo de contornas, que permite tanto unha parametrización acelerada dos procesos de aprendizaxe como a súa avaliación temperá”. A vantaxe disto é “un aforro notable tanto de recursos como de tempo dedicado aos tests de comparación de eficacia entre diferentes configuracións”.
O proxecto galego Telepares achéganos ao miolo do que se conta nas redes sociais
Compartir Este Artigo

