As farmacias galegas, paseniño, vanse subindo ao carro do mercado dixital. A primeira en facelo (hai un ano) foi a de Fene, que foi pioneira a nivel estatal en estrear as posibilidades comerciais da Rede, xunto con outros catro dispensarios do resto do España. Agora é a quenda da Farmacia Labandeira, que é o primeiro establecemento de Lugo que obtén a autorización (da man da Consellaría de Sanidade) para vender os seus produtos (medicamentos de uso humano non suxeitos a prescrición médica) nas plataformas dixitais.
A Farmacia Labandeira, que acadou o permiso a principios deste mes, só poderá vender a través de Internet aqueles medicamentos para o autocoidado da saúde que van destinados a procesos que non precisen un diagnóstico preciso e que son cualificados como tal pola axencia AEMPS.
Segundo informan fontes da farmacia lucense, os usuarios poderán atopar na súa páxina web o selo específico que acredita a venda legal de medicamentos non suxeitos a prescrición médica. Coma o resto dos dispensarios que desenvolven xa a súa actividade na Rede, o establecemento Labandeira fornece produtos dende a oficina de seu, resérvase o dereito de valorar a pertinencia ou non da entrega de produtos (sobre todo a raíz de peticións de cantidades que vaian alén dos tratamentos habituais) e achega os recursos esixidos para que o transporte de medicamentos se realice da maneira máis segura, dende a farmacia ao comprador.
A Farmacia Labandeira, primeiro dispensario da provincia de Lugo que vende medicamentos en liña
Compartir Este Artigo

