O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou na mañá deste martes no ciclo de almorzos tecnolóxicos organizado por Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), xeiras de encontros participativos e informais nos que se debullan cuestións de importancia, moitas delas dixitais (datos masivos, impresión en 3D), para os nosos profesionais e emprendedores. Segundo fixo saber Conde, a Tecnópole é arestora “o corazón industrial e tecnolóxico de Galicia”, coas súas 91 empresas desenvolvendo un ecosistema de innovación “moi importante en diferentes sectores”, como o aeronáutico, o agroalimentario e o biotecnolóxico.
Na súa intervención, Conde lembrou a importancia de pensarmos “en clave 4.0”, apostando pola eficacia e a sustentabilidade, e asegurou que a competitividade está na innovación e tamén en pensar en global. Segundo fixo saber ao fío desta necesidade de traballarmos globalmente, “unha empresa en Tailandia pode estar deseñando un produto que en cuestión de horas sairá impreso aquí mesmo en 3D”.
Tamén avogou por estreitar a colaboración público-privada arredor do desenvolvemento e, máis polo miúdo, por impulsar modelos de traballo que impliquen, arredor de proxectos innovadores comúns, a empresas, centros tecnolóxicos e de investigación e entidades públicas (alicerce do que se coñece como innovación aberta). Para afondar neste punto, Conde sacou a colación o coche autónomo de Citroen, que ten o seu xermolo no centro tecnolóxico galego CTAG, a través dun proxecto FEDER-Innterconecta, e que se vai complementar co desenvolvemento na factoría de Vigo do modelo de fábrica 4.0 da dita multinacional francesa do motor, unha iniciativa na que tamén vai colaborar amplamente o CTAG.
Outra das colaboracións que salientou o conselleiro foi a de Civil UAV Initiative, pioneira proposta de traballo recentemente premiada polo CPEIG e dirixida a dar forma, na nosa terra, a un polo tecnolóxico arredor da tecnoloxía dos sistemas aéreos non tripulados para aplicacións civís.
Despois do almorzo con empresarios, o conselleiro de Economía visitou os participantes no campamento tecnolóxico de verán que a Tecnópole organiza cada ano na súa contorna. Como lembraremos, os Tecnópole Technological Workshops (T2W) reúnen desde a semana pasada un grupo de 38 rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que traballan en proxectos de innovación no marco dun programa de actividades que mestura a aprendizaxe co lecer. En palabras do Conde, “o T2W é unha nova oportunidade de trasladarlle a cultura da innovación aos máis novos”. Tamén sinalou que o Parque Tecnolóxico é “unha referencia neste eido”, coas Aulas Tecnópole, a Galiciencia, os obradoiros de robótica e este campamento de verán. Na súa visita puido coñecer proxectos como a aplicación móbil creada por dous rapaces de 13 anos para compartir ideas ou un órgano de música desenvolvido con cubetas de auga e electrodos.
Conde salienta no novo almorzo da Tecnópole as capacidades do ecosistema de innovación ourensán
Compartir Este Artigo

