O Grupo de Investigación GEN (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) é o responsable do proxecto de creación da Quiniela Galega, unha iniciativa da Federación Galega de Fútbol, pioneira no ámbito estatal e dirixida a xerar apoios para o fútbol galego (mellor emprazamento dos clubs, respaldo orzamentario, imaxe de seu, etc). O devandito grupo, integrado por medio cento de economistas da Facultade de Ciencias Empresariais de Ourense, avanzou que a quiniela contará cunha aposta semanal sobre 13 partidos. Ademais, combinaranse apostas electrónicas e boletos físicos e impulsarase, a maiores, unha comunidade virtual propia.
Cada boleto incluirá nove encontros da categoría Terceira Galega, dous partidos de 1ª Feminina e dous partidos de Rexional. A iniciativa comezará a funcionar en modo de proba na tempada 2016/17.
A presentación da Quiniela Galega e das bases da iniciativa celebrouse este mércores en Santiago nun acto que contou coa participación de Patricio Sánchez, coordinador do Grupo GEN; Jesyca Salgado, investigadora deste grupo, e Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol (FUTGAL). Entre outras cousas, fíxose saber que a primeira fase de actividade, a da tempada 2016/17, será a parte do traballo adicada a ensaios e probas reais cos apostantes e sen premios en metálico, coa fixación de prezos e coa creación e rexistro de marca. “Nesta primeira andaina”, sinalaron, “despregarase o proxecto en toda a súa fase legal e administrativa e porase en marcha unha comunidade virtual que servirá de captación de datos para o lanzamento da aposta”.
Na tempada 2017/18 comezará a aposta como produto en liña e boleto físico, “para chegar a todos os públicos”, e iniciarase o procedemento de recadación e reparto de premios e recursos para o fútbol galego. Segundo as estimacións do Grupo, o sistema pode xerar entre 2,4 e 10,2 millóns de euros anuais en ingresos. Este proxecto integramente galego, engadiron, “combina as sinerxías das apostas electrónicas, cun medre anual do 28%, coas dos boletos físicos, que están en tendencia decrecente”. O modelo duplo, sinalaron, “permite acceder a todos os públicos e mellorar a recadación da quiniela e o reparto de premios”. Segundo fixeron saber, en 2015 as apostas deportivas en liña en Galicia recadaron case 120 millóns de euros.
A Quiniela Galega achegará apostas electrónicas e terá comunidade virtual
Compartir Este Artigo

