A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de Vigo) está a organizar un curso sobre ciberseguridade en Internet, unha actividade na que participan case medio cento de estudantes para constituíren, en palabras da organización, “unha firme e consolidada fornada de defensores virtuais da Rede”. Ou sexa, unha primeira fronte común de profesionais adicados a converter Internet nun ámbito seguro para a cidadanía, onde datos, contrasinais e identificacións bancarias estean ben salvagardados malia o espallamento, o medre e o avance de servizos, redes, capacidades de tráfico e dispoñibilidade de acceso. Para impulsar este obxectivo, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación decidiu abrir a primeira edición do obradoiro Introdución á ciberseguridade, que se está a impartir neste mes en horario de mañá.
A xermolo deste obradoiro remóntase a hai anos pero foi no 2015, durante o xuntanza de San Teleco XL, cando algúns profesionais constataron “a necesidade de persoal cualificado nas empresas galegas”. A xuízo dos organizadores do curso, as universidades teñen a responsabilidade de crear profesionais para combater a ciberdelincuencia.
Cun custo de 75 euros, as persoas inscritas neste curso reciben durante 40 horas unha formación teórico-práctica de contidos impartidos por diferentes profesionais do mundo das telecomunicacións. Desde o 11 ata o 22 de xullo, a través de dez módulos, os encargados de impartir os contidos achegarán aos alumnos aos aspectos teóricos e legais e, máis adiante, a todo tipo de sesións prácticas para aplicar en casos concretos todo o aprendido.
O obradoiro está dirixido ao alumnado de enxeñarías de Telecomunicación e Informática, mais tamén se encamiña aos egresados e egresadas que queiran avanzar neste eido da protección dos datos, das comunicacións e da privacidade en liña. Ademais da experiencia e do valor do aprendido, o correcto aproveitamento do obradoiro está validado con dous créditos de libre elección. Esta primeira edición supón, en palabras do director do obradoiro, Iñigo Cuíñas, “o primeiro paso doutras actividades encamiñadas a incrementar a formación en ciberseguridade entre os profesionais TIC”.
A UVigo forma medio cento de expertos en ciberseguridade
Compartir Este Artigo

