Comeza a conta atrás para achegarmos a nosa candidatura aos galardóns convocados polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, a edición 2016 duns recoñecementos dirixidos a amosar, visualizar e salientar os traballos máis destacados dos nosos profesionais, empresas, centros e entidades a prol da innovación e do desenvolvemento TIC da nosa terra. Segundo informa o COETG-AETG, o prazo para presentarmos proxectos que aspiren aos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información remata o vindeiro luns 18 ás 9.00 horas. Entregaranse durante a celebración da XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Será o vindeiro 30 de setembro de 2016 no Gran Hotel da Toxa. Este ano estará adicada á Transformación dixital. O desafío 4.0.
As convocatorias abertas dos Premios COETG/AETG son:
– Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2016. Patrocinado pola Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros, este premio pretende dar un impulso económico e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina ao concederse a un proxecto empresarial emerxente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
– Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2016. Patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e dotado con 2.000 euros, con este premio preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
– Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2016. En colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) este premio é de carácter honorífico e está destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade.
– Premio Ineo ao Produto ou Servizo máis Innovador. Patrocinado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e de carácter honorífico, está destinado a recoñecer ás empresas do sector da electrónica e TIC que estean a contribuír a modernización e a innovación na economía galega.
Entra na recta final o prazo para presentar candidaturas aos Premios Galicia das Telecomunicacións
Compartir Este Artigo

