O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, deu a coñecer este venres en Monforte de Lemos que o organismo provincial vai investir na vila luguesa case 700.000 euros en emprego, servizos sociais e infraestruturas. Fíxoo nunha visita institucional, que arrancou cunha recepción por parte do alcalde, José Tomé Roca. Este orzamento, sinalou Campos, inxectarase de xeito inmediato no Concello monfortino. Abranguerá, entre outras cousas, 245.000 euros para a mellora de infraestruturas e 155.000 para o saneamento da rúa San Pedro e confluencia. Tamén haberá partidas importantes para obras e servizos, para o Conservatorio de Música, para aforro enerxético e para a sede electrónica. Este último punto incluirá 6.305 euros de orzamento.
Segundo fixeron saber o presidente e máis o alcalde, a posta en marcha da sede electrónica de Monforte responde a unhas demandas claras: por unha banda a de achegar os mellores e máis avanzados servizos á cidadanía e, pola outra, adaptarse ás esixencias (antes do 1 de outubro) da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
“Esta normativa”, explicou Campos, “establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites coas mesmas de xeito telemático”. Por este motivo, a Deputación ofrece aos 66 municipios de menos de 20.000 habitantes axudas económicas, que distribúe en base a criterios obxectivos (superficie, esforzo fiscal, densidade de poboación e unidades de poboación), para poder levalas a cabo.
A Deputación de Lugo achega máis de 6.000 euros para o arrinque da e-sede de Monforte
Compartir Este Artigo

