O pasado 12 de xullo a tribuna informativa Almorza con INADE – A Coruña celebrada no Hotel Attica 21 recibiu a visita de Juan José Casado Quintero, director corporativo de Datos e Analítica en Sanitas. Casado Quintero abordou de cheo, perante os nosos profesionais do sector dos seguros e da saúde, o potencial dos datos masivos (Big Data) para o medre destes sectores (máis competitividade, máis rendibilidade, máis axilidade de movementos). O relatorio, que veu da man da Fundación INADE (Instituto Atlántico do Seguro) complementouse cun achegamento ás posibilidades da análise avanzada de datos a cargo da presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC (amais de responsable da Área Tecnolóxica de Intelixencia Artificial do CITIC), Amparo Alonso. Seguidamente, Casado Quintero puxo en situación aos presentes cun dato abraiante: “Cada seis meses xérase tanta información coma no resto da historia da humanidade ata hoxe”. Segundo fixo saber, isto non é un atranco senón unha oportunidade para as empresas.
O porqué desta afirmación radica no seguinte: xa existe un bo número de sistemas e tecnoloxías que son quen de tratar cantidades inxentes información para achegarnos recursos útiles de cara a nosa actividade empresarial e comunicativa (recursos nos que salientan, precisamente, os centros tecnolóxicos galegos CITIC, Gradiant ou o CiTIUS da USC). Casado Quintero foi ao miolo da cuestión e explicou como aplicar todo este potencial na empresa e, tamén, ata que punto a información masiva está a revolucionar todas as industrias, xa que permite (entre outras cousas) un maior e moito máis fondo coñecemento do cliente-usuario, non só do que di (o que se le literalmente) senón (e moito máis importante en ocasións) o que quere dicir realmente (o que se sitúa, para entendernos, entre liñas). A este respecto, o relator dixo que os datos inxentes e o seu estudo permítennos diferenciarnos dos nosos competidores.
Tamén fixo fincapé na importancia da transformarmos dixitalmente do mundo, un proceso que democratiza o coñecemento e é quen de ceibalo de estruturas, límites e atrancos. Respecto de como tirar o máximo proveito daquel, Juan José Casado sinalou que “a barreira para as empresas non é o custo da tecnoloxía, senón o coñecemento para explotala”, aconsellando aos asistentes a que reparen en que “a fonte máis rica de información é a que teñen nos seus sistemas”. A este respecto, recordou que “un 80% de información que non estamos a analizar e está aí, en nosa propia organización”.
INADE convidounos na Coruña a facer uso dunha oportunidade ao alcance da nosa man: o Big Data
Compartir Este Artigo

