O Concello de Vigo e a concesionaria do servizo municipal de augas (Aqualia) están a impulsar unha tecnoloxía para estreitar a participación coa veciñanza arredor deste servizo. A tecnoloxía en cuestión chámase Smart Aqua e trátase dunha aplicación para dispositivos móbiles que permite realizar todas as xestións relacionadas co contrato de auga (modificación de datos, consulta de consumos, envío de autolecturas con fotografía, pago de facturas, consultas e solicitudes), amais de dirixirse “a ser unha canle de comunicacións a disposición da cidadanía”. A ferramenta foi dada a coñecer este luns no Concello. No acto salientouse que se trata dunha das moitas liñas de traballo encamiñadas a facer de Vigo unha Cidade Intelixente. Tamén se destacou o feito de ser de balde, plenamente segura e doada de empregar.
“Smart Aqua”, sinalouse, “permite realizar todas as xestións relacionadas co Servizo de Augas, no momento que o cidadán desexe, da forma máis sinxela e cómoda, ao alcance da súa man e a través do seu dispositivo intelixente ou tableta”. Trátase “dunha aplicación que simboliza un paso máis nunha comunicación aberta, transparente e próxima cos cidadáns”, engadiuse.
Os usuarios poderán acceder a toda a información e servizos da aplicación a través da web smart-aqua.com ou da etiqueta en Twitter #Smartaqua.
A maiores do devandito, na presentación da ferramenta fíxose fincapé en que se trata “da aplicación máis completa do mercado, que non só posibilita realizar xestións que ata o de agora podían realizarse na oficina, por teléfono ou a través da web, senón que abre unha nova vía de comunicación directa cos cidadáns”.
Por certo que Smart Aqua permite comunicar directamente as incidencias ou avarías ao incluír un sistema de xeolocalización do usuario e envío de ata dúas fotografías.
Vigo estrea aplicación para facilitar todas as xestións ligadas ao servizo de auga
Compartir Este Artigo

