
Estas distincións son, en palabras da Cámara, “un recoñecemento que pretende promover estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación”.
Segundo fixo saber a Cámara, o premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estadía no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos coa bolsa completa (Os Ventos Innovación e Servizos e María Enríquez Martínez), e o 25 por cento para os proxectos que comparten premio (Siete Olas Comunicación e Ambideleite). Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes.
Durante ese tempo, os emprendedores recibirán servizos de aloxamento, infraestrutura, loxística, acompañamento, consultoría, titorías e seguimento. O obxectivo é “favorecer a arrincada dos proxectos e o seu afianzamento”.
O xurado (composto por José Lino Comesaña e Álvaro Rodríguez Cabo, de Abanca, e por Rosa Cardeso e Sandra Becerra, da Cámara) tivo en conta na súa decisión “o nivel de desenvolvemento dos proxectos, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes”.
A empresa Os Ventos Innovación e Servizos está especializada en tecnoloxías da información. A súa promotora, Raquel Toja, explicou que a idea de negocio é desenvolver tecnoloxías “diferenciadoras” que axuden a emprazar e privilexiar ás empresas no mercado como subministradoras de servizos tradicionais, “pero sen pretender a fabricación de tecnoloxías que sexan explotadas por outros”. Ofrécense servizos de consultoría de modernización, xestión cultural, apoio a servizos sociais ou servizos de TIC.
O xurado outorgoulle o premio “polo nivel de postos de traballo que se prevé crear nos vindeiros anos de funcionamento da empresa, o nivel de investimento a acometer e a formación e experiencia da propia promotora, que é enxeñeira informática e doutora en matemática aplicada”.
Pola súa banda, a emprendedora María Enríquez Martínez conseguiu esta bolsa cun proxecto centrado na comercialización de conservas e produtos galegos de calidade, coa finalidade de divulgar e vender produtos agroalimentarios e do mar englobados nunha marca paraugas que se está a desenvolver actualmente para a súa inclusión no mercado nacional e internacional.
O emprendedor Javier Herranz Lorente, pola súa parte, foi premiado coa metade dunha bolsa do premio polo proxecto empresarial Siete Olas Comunicación, destinado ao sector da comunicación e a mercadotecnia para empresas. O obxectivo é “axudar a profesionais e empresas a desenvolver e mellorar a súa imaxe de marca, difundindo as súas actividades en redes sociais, webs corporativas e buscar o mellor emprazamento nos buscadores, realizando campañas de mercadotecnia en liña e presencial, vídeos de promoción de novos produtos e ofrecendo formación orientada a fomentar as habilidades e capacidades de comunicación”. A iniciativa encamiñarase sobre todo a empresas do sector da hostalería, do viño, do motor e a asociacións e clubes. O xurado valorou “o uso das TIC e o nivel de postos de traballo a crear”.
Por último, o emprendedor José Luis Otero Bouzón conseguiu tamén a metade dunha bolsa do premio de emprendemento. A súa proposta consiste nun proxecto innovador chamado Crea Ambideleite que se centra na mercadotecnia olfactiva, no “aromatizado” de espazos e na eliminación de olores para todo tipo de empresas.
A Cámara de Comercio de Santiago e Abanca premian dúas novas firmas TIC
Compartir Este Artigo
