Hewlett Packard habilitará un centro de innovación en Big Data na Cidade da Cultura

venres, 1 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

Os participantes na sinatura do acordo entre a Xunta e HPE, este 1 de xullo na Cidade da Cultura/ Imaxe de Xoán Crespo

Hewlett Packard Entrerprise (HPE) confirmou hoxe na Cidade da Cultura que a súa aposta pola nosa terra é firme e vai para longo. A culminación desta aposta materializarase na vindeira entrada en funcionamento do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN), presentado este venres 1 de xullo no Gaiás, da man de dous dos principais responsábeis de HPE en España e Portugal (José María de la Torre e Antonio Torrado, ambos galegos) e dos representantes das institucións da Xunta máis directamente implicadas no acordo de colaboración coa multinacional TIC: a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura e Educación. O acto de presentación do CEIN, que serviu para formalizar o acordo entre as ditas entidades da Xunta e a compañía informática, foi clausurado por Alberto Núñez Feijóo, quen agradeceu aos dous devanditos directivos de HPE os esforzos despregados por trasladar a Galicia un dos seus piares de actividade básicos, situando Santiago e a nosa terra como parte fundamental da súa investigación en análise e tratamento de Big Data (datos masivos). De feito, a transferencia e o desenvolvemento de recursos para a información inxente será un dos alicerces do CEIN.
Feijóo comezou a súa intervención lembrando aos presentes a importancia do que se coñece como Big Data e os sistemas desenvolvidos para tirarlle proveito. Segundo fixo saber, trátase dun ámbito de traballo con incalculábeis posibilidades, para as empresas, para as administracións, para as entidades públicas e para toda a cidadanía. Nesta liña, salientou, o centro presentado este venres 1 de xullo no Gaiás é unha maneira de blindar, asegurar e impulsar estas oportunidades de investigación e innovación. “Aquí”, dixo, traballarán cincuenta expertos asesorando a clientes nacionais e internacionais en materia de datos masivos”. Con esta iniciativa, lembrou, refórzase o carácter da Cidade da Cultura de Santiago como “corazón dixital de Galicia”. Feijóo tamén salientou o compromiso de HPE coa consecución deste centro CEIN e, tamén, co talento e a capacidade de innovación dos nosos estudantes e investigadores novos (o acordo contempla un programa de asesoramento a titulados universitarios). “Contar con esta importante presenza de HPE en Galicia é contar cunha garantía de excelencia”, engadiu, dirixíndose aos directivos galegos da compañía que, cos seus esforzos, acadaron que a multinacional se involucrase aínda máis firmemente co territorio galego.
O titular do Goberno galego presentou o acordo con HP como un dos resultados do Pacto Dixital de Galicia, “grazas ao que 13 empresas do sector están a colaborar coa Administración autonómica para situar a Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das PEME”. Ao fío disto, lembrou que Galicia xa é a quinta autonomía en número de empresas tecnolóxicas, con 2.200 compañías e 14.400 traballadores. Respecto do dito Pacto, anunciou a posta en marcha, xunto coa operadora Vodafone, dun novo centro para impulsar a innovación social dixital. Este novo centro engadiríase aos acubillos de impulso dixital cos que xa conta o Gaiás, como por exemplo o centro de crowdworking posto en marcha en colaboración con Telefónica, Galicia Open Future.

HPE a prol do Big Data

No acto participaron tamén, como dixemos, o presidente de Hewlett Packard en España e Portugal, José María de la Torre, e máis o director Big Data e Analytics de HPE en España e Portugal, Antonio Torrado. Ambos os dous comezaron en remataron a súa intervención en galego (o primeiro ten raizames en Santiago e o segundo é natural de Porto do Son), salientando desta maneira a súa estreita relación coa súa terra orixe e, tamén, o seu pleno convencemento nas posibilidades de Galicia en múltiples ámbitos da innovación e o coñecemento, empresariais, públicos, académicos e investigadores. De feito, un dos puntos do acordo que destacou José María de la Torre tivo que ver coa oportunidade de colaboración que se vai abrir coa Universidade de Santiago en materia de asesoramento a titulados e xeración de talento. “O CEIN”, explicou de la Torre, “dará servizo dende Santiago a España e Portugal e será un referente no ámbito da transferencia e a transformación tecnolóxica”. Pola súa parte, Antonio Torrado enfiou boa parte da súa intervención arredor da importancia do Big Data e do papel que desprega hoxe a información. De feito, lembrou que nos últimos dous anos estamos a ser testemuñas “dunha paisaxe de información extrema”, con grandes cantidades de coñecemento que fan empequenecer todo o xerado até o de agora. Isto, sinalou, xera unha oportunidade e unha limitación. A “limitación” refírese a que as empresas do noso tempo só tiran proveito do 1% dos datos dos que poden dispor. A “oportunidade”, pola contra, consiste en que deste coñecemento total a cuarta parte pode ser de gran utilidade para as empresas. “O que vimos a presentar hoxe na nosa terra”, explicou, “é un punto de inflexión nesta aposta de HP a prol das ferramentas que consigan un meirande e máis eficaz aproveitamento desta información inxente”.

PUBLICIDADE