
O sistema foi deseñado para ser instalado de xeito sinxelo en calquera coche xa en uso, á marxe da gama á que pertenza, o que fai que a condución avanzada estea ao alcance de calquera usuario. Porén, dende a empresa anuncian a posibilidade de incorporalo tamén de fábrica en vehículos novos, caso no que podería completarse con funcións de vehículo autónomo (freado automático fronte a un obstáculo ou desvío no caso de perigo).
É xusto informar que existe un único sistema semellante no mercado, desenvolvido pola empresa israelí Movileye, coa diferencia de que este só está dotado dunha cámara frontal, mentres que o de Xesol conta con tres cámaras.
Mediante este sistema, o condutor ten a tranquilidade de recibir información inmediata que pode que o seu ollo non perciba por despiste, fatiga, falta de reflexos ou visibilidade. Deste xeito, mediante sinais visuais e sonoras, o asistente alerta sobre a presenza de peóns, ciclistas, vehículos parados ou obstáculos na estrada, así como da irrupción de obxectos… Tamén avisa de curvas pronunciadas e cambios na feitura da calzada, como un próximo estreitamento da vía, así como da invasión involuntaria do carril contrario ou da beiravía. Ademais, é capaz de rexistrar e interpretar os sinais de tráfico, alertando sobre o risco de incumprir as limitacións existentes.
Xesol crea o asistente de condución intelixente con máis ángulos de visión aumentada do mundo
Compartir Este Artigo

