A finais do mes de decembro a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) denunciou a R ante o Instituto Galego de Consumo pola masiva incidencia que deixou sen servizo de voz e/ou datos a centos de milleiros de usuarios durante preto dun día, e agora que a compañía de telecomunicacións inicia o pagamento das compensacións económicas aos seus usuarios, que segundo un compromiso adquirido por R sería de cinco veces o prezo do servizo durante o tempo no que non se subministrou, a UCGAL considera que hai erros no sistema de compensación e así o notificará ao Instituto Galego de Consumo.
Nas facturas que está a remitir R aplícase un desconto por liña móbil que vai de 1,10 a 4,12 euros segundo a tarifa contratada, pero dende UCGAL aseguran que tardouse un 50% máis de tempo en establecer o servizo de datos que o de voz, polo que non tería sentido que na factura desconten a mesma cantidade en ambos conceptos.
Miguel López Crespo, secretario da Unión de Consumidores de Galicia, considera que nas novas facturas de R a indemnización correspondente aos fallos no servizo de datos «debería ser un 50% superior» á do servizo de voz, engadindo que «moitos consumidores tiveron mesmo que esperar ata o luns seguinte para poder reactivar os seus terminais, os seus equipos (tablets, smartphones…) xa que en moitos casos foi precisa a asistencia técnica do operador».
Dende a asociación de defensa dos consumidores tamén chaman a reflexionar sobre a reducida indemnización, como podemos entender en casos como o de «persoas que poidan precisar o servizo móbil para servizos de teleasistencia, ou mesmo cando falamos de persoas que necesiten coidadores; ou que teñan que ter unha especial vixilancia sobre determinados membros vulnerables da familia. Dende logo falar de compensacións de 1 euro ou 50-60 céntimos parece que resultan ridículas». Demandan así unha renovación da normativa do 2009, que non parece protexer debidamente ao consumidor de servizos de telecomunicación.
UCGAL considera insuficiente a compensación de R aos seus clientes pola incidencia do 23 de decembro
Compartir Este Artigo
