Establecer conexións directas entre o noso computador e a natureza, en beneficio da segunda. Esta é a base dunha vaga de ferramentas novas que vertente ecolóxica que nos converten en activistas e reforestadores con cada clic, como por exemplo o buscador Ecosia (do que falamos recentemente para salientar os seus seis millóns de árbores plantadas con cada procura) ou, agora, a aplicación Reforestum, que como se indica no seu nome permite aos usuarios crear unha foresta dende os seus dispositivos. Pero non un bosque calquera ou un bosque virtual, senón un bosque de verdade, sinalan os seus creadores.
“O noso obxectivo”, din os responsables da ferramenta, arestora en fase de procura de financiamento a través de crowdfunding, “é que todos xuntos podamos recuperar os bosques perdidos do planeta e axudar a protexer os existentes creando sensibilidade ambiental”.
Nun plano máis concreto, a aplicación móbil fai cousas como avaliar a pegada de carbono das nosas actividades cotiás e logo compáraas co carbono que capturamos a través dos bosques creados da nosa man mediante a plataforma tecnolóxica. Tamén nos deixa marxe para consultar o estado da foresta a cuxo medre contribuímos, permitíndonos vela por satélite e achegándonos notificacións e fotografías. Por outra banda, se é grande a cantidade de CO2 a neutralizar, poderemos mercar por prezos ao alcance de todos os petos, mesmo por uns céntimos de euro.
“A nosa arela”, engaden os impulsores de Reforestum, entre os que se conta o enxeñeiro de software Diego Sánz, “é impulsar a máxima participación da cidadanía, converter ao meirande número de persoas en coidadores e melloradores do planeta”. Por este motivo “ideamos unha ferramenta moi acaida para tomar acción directa, útil e colectiva para emendar os problemas que o noso estilo de vida está a provocar no planeta”, informan, explicando que o primeiro bosque impulsado ao abeiro da aplicación estará emprazado na montaña palentina, onde se conta xa cun terreo inicial de 4,6 hectáreas que será replantado na primavera de 2017 e, máis adiante, ampliado.
No que respecta á campaña de micromecenado no que está mergullada a ferramenta móbil, os impulsores da iniciativa sinalan que “está a ter moi boa acollida”, e iso que leva poucos días en activo. De feito, no intre en que se enviaba o comunicado de prensa sobre a posta en marcha do proxecto, 144 persoas de máis de 10 países e 5 continentes comprometéronse a colaborar co mesmo “reservando xa o seu primeiro anaco de bosque”. Para quen queira informarse máis sobre este proxecto, dicirlle que hai un vídeo explicativo en YouTube a xeito de carta de presentación.
Chega Reforestum, a aplicación que nos permite crear un bosque de verdade dende o noso móbil
Compartir Este Artigo
