EMALCSA (Empresa Municipal de Augas da Coruña) presentou este venres as liñas estratéxicas e as vantaxes para negocios, concellos e cidadanía do seu proxecto smart de innovación iEcoCity, dirixido a achegar tecnoloxía para mellorar ambientalmente os tecidos comerciais das nosas vilas e cidades. A iniciativa, impulsada por un consorcio do que é líder EMALCSA (e no que se integran as empresas Tecdesoft e Valora, coa colaboración do Centro de Investigación TIC -CITIC-, o CETIM, Sicasoft e Ilux), foi dada a coñecer nas oficinas da firma municipal perante profesionais, PEME e representantes dos concellos da comarca coruñesa (Coruña, Sada, Culleredo, Cambre, Oleiros, Carballo e Betanzos) e de alén dela (Ribadumia, Verín, Cangas e Curtis). Tamén asistiron membros da Deputación da Coruña e de GAIN. O proxecto iEcoCity, como recordaremos, foi seleccionado para recibir financiamento FEDER a través da convocatoria Conecta PEME de GAIN.
A meta da iniciativa, segundo se fixo saber na presentación, é “concienciar ao pequeno comercio da súa capacidade de mellorar no terreo da eficiencia enerxética, axudándoo a facer seguimento do seu gasto de auga, electricidade, gas e outros recursos, para facelo máis sustentable, ao mesmo tempo que o converten nunha vantaxe competitiva para el e a súa contorna”.
IEcoCity arrinca cun orzamento superior ao millón de euros, e pretende axudar a mellorar a eficiencia enerxética do comercio urbano, en palabras das entidades implicadas “a gran empresa invisible”, un sector na súa meirande parte “disperso” e con “escasa capacidade investidora”, malia o seu “considerable impacto” (só na Coruña, hai máis de 23.000 negocios activos desta índole) e o seu potencial para loitar contra o cambio climático.
Entre outras cousas, o proxecto fornecerá aos comercios a tecnoloxía precisa para coñecer a súa situación no contexto urbano no que se atopan. Aos cidadáns, permitiralles visualizar de maneira doada o grao de desempeño en sustentabilidade do tecido comercial da súa cidade e a súa evolución temporal, sectorial e espacial. Ademais, pretende ser “un elemento de conexión entre os gobernos municipais e os seus tecidos empresariais”, subministrando información en tempo real sobre a situación da cidade e abrindo vieiros para o deseño de “políticas públicas máis certeiras no ámbito sostible”.
Este proxecto enmárcase ao abeiro do pulo á economía baixa en carbono e as cidades verdes, e está aliñado coas accións que se desenvolverán desde a nova Oficina Municipal para o Cambio Climático.
Volvendo acto de presentación deste venres, contou coa presenza activa do director xeral de EMALCSA, Jaime Castiñeira. Asistiron representantes do Concello da Coruña e da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que financia o proxecto. Tamén participaron membros das empresas Tecdesoft, ValoraHP, o CITIC, Ilux, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Municipios e Provincias.
Presentadas na Coruña tecnoloxías para axudar aos comercios a loitar contra o cambio climático
Compartir Este Artigo
