A celebración este sábado 28 do Día Europeo da Protección de Datos volveu pór de manifesto a necesidade de protexer as nosas cousas en Internet, con sentido común, do mesmo xeito que faríamos na vida real (a ninguén de nós se nos ocorrería fornecerlle os nosos datos bancarios a un descoñecido na rúa). E máis tendo en conta o seguinte pequeno-gran detalle: na actualidade son poucas as persoas vítimas co crime financeiro en liña que desen recuperado os cartos perdidos. Así nolo contan dende Kasperksy Lab, incidindo no desorbitado e no dificilmente cuantificable que ten que ser por forza a cifra do “roubado” cada ano en Internet, sobre todo no plano internacional, e máis se reparamos en que boa parte do que se perde non é finalmente reportado.
Porén, o estudo Consumer Security Risks Survey, levado a cabo por Kaspersky Lab e B2B Internacional, lánzase a achegar unha cifra aproximada do “auténtico custo que estes ataques representan para os usuarios estatais de Internet”, unha cantidade que roldaría os 444 euros por ataque en España, onde un de cada dez entrevistados recoñeceu que o perdido fora superior aos 4.650 euros. Segundo lembra a compañía de seguridade, “a medida que máis e máis usuarios xestionan as súas finanzas en liña, máis cibercriminais tentan aproveitarse, facendo fundamental que os usuarios conten con robustos sistemas de protección en Internet tanto para eles como para o seu diñeiro”. Porén, dise na investigación, “a realidade é outra”, e só o 60% dos usuarios de Internet protexen de maneira axeitada os seus dispositivos.
Na investigación incídese na importante presenza entre a comunidade internauta dunha falsa confianza nas posibilidades de amañar un posible incidente, tanto con recursos propios como con alleos (técnicos ou firmas especializadas en protección dos datos, os propios bancos, as forzas de seguridade, etc). De feito, case a metade dos españois acredita en que os bancos lles reembolsarán o diñeiro roubado polos cibercriminais “sen problema ningún”. Sen embargo, o estudo apunta a que máis da metade (52%) dos afectados xamais conseguiron recuperar o diñeiro.
Máis da metade das vítimas dos fraudes en liña non recuperan o seu diñeiro
Compartir Este Artigo
