
O estudo vén da man dos investigadores Xabier Martínez Rolán, Xosé Baamonde e Teresa Piñeiro. Contaron coa colaboración da profesora da UDC Teresa Piñeiro. O artigo foi publicado no último número do Observatorio OBS, revista lusa de cultura e comunciación social. Entre outras cousas, sinálase que os concellos portugueses usan máis e mellor as redes sociais e están “máis concienciados” da importancia da transparencia e da rendición de contas á cidadanía. E isto malia non contar “cun regulamento xurídico”, como si que acontece no ámbito español dende 2013.
Neste artigo, titulado El desafío de la transparencia en la comunicación digital. Un estudio de caso sobre las webs municipales de Galicia y el norte de Portugal, os tres investigadores analizaron 44 concellos con máis de 30.000 habitantes da zona da Eurorrexión (32 lusos e 12 galegos) co obxectivo de “ver como funcionamos a nivel municipal a cada lado da Raia” a través dunha ficha de análise que servise para os concellos de ámbalas beiras e que amosase potencial, tamén, para ser aplicado noutras contornas semellantes.
Unha das principais conclusións do estudo é que Pontevedra, unha vez máis (tal e como tamén se sinalaba nos informes de Dyntra) é a cidade galega máis transparente e cunha web máis acaida a este espírito de apertura, situándose terceira no ranking xeral por detrás de Matosinhos, que acadou a puntuación máis alta (39,5 puntos de 44), e de Vila Nova de Famaliçao. Os últimos postos da táboa os ocupan Arteixo e Carballo, os dous únicos concellos que suspenden ao non chegar aos 22 puntos. Porén, os autores do estudo din que se trata “dun suspenso simplista”, xa que, de facto, todos os concellos amosan índices positivos (trátase dunha proposta de mínimos para cumprir a lei de transparencia española e os manuais de boas prácticas). Por certo que entre os dez primeiros clasificados só atopamos outra cidade galega alén de Pontevedra, e trátase de Santiago. O resto das administracións locais figuran máis adiante na clasificación, por exemplo Ferrol no 11, Vigo no 16, A Coruña no 20, Ourense no 31, Lugo no 35, Narón no 37, Oleiros no 38, Vilagarcía de Arousa no 39, Carballo no 43) e Arteixo no 44.
Por certo que non deixa de ser curioso que concellos como os da Coruña e Ourense, que tan boa puntuación acadaron nos informes de Dyntra, figuren aquí en postos máis modestos.
Volvendo ao miolo do estudo do Campus de Pontevedra, nel tamén se empresta especial atención ás redes sociais e ao emprego de canles alternativas de comunicación cos cidadáns. Neste parámetro, Portugal volve sacarnos distancia. Así, mentres que tres municipios portugueses logran as puntuacións máximas neste apartado (Matosinhos, Vila Nova de Famaliçao e Ponte de Lima), no caso dos galegos só Ferrol aproba e catro de eles fican con cero puntos (Pontevedra, Vigo, A Coruña e Carballo).
Ademais da información extra das webs dos concellos (como por exemplo información turística, formularios de xestión habitual como fichas de empadroamento ou un apartado para a xestión de suxestións, queixas e parabéns), os investigadores tamén someteron ás páxinas dixitais aos estándares de web W3C, un test de accesibilidade no que os concellos galegos obteñen en termos xerais mellores resultados con casos como o de Vigo con cero erros. No extremo contrario sitúase Espinho con 1.648 erros e unha advertencia.
Os concellos portugueses superan aos galegos en transparencia web
Compartir Este Artigo
