A empresa de software galega AIG, Asesoría Informática Galega, vén de lanzar un novo produto que nos permite darlle forma a unha tenda en liña e xestionala en tempo real dende un programa específico de xestión. O produto novo chámase ClassicAir 6 e o programa para a xestión non é outro que ClassicGes 6. Ámbalas tecnoloxías veñen da man da empresa galega, quen salienta que con estas ferramentas ábrese un antes e un despois na creación de establecementos dixitais. “Agora”, sinalan fontes de AIG, “unha tenda online é online de verdade”.
De feito, a plataforma fai posible que logo de facermos unha venda o stock se reste do programa de xestión de maneira automática, “sen ter que facelo nós de maneira manual”. Este xeito de actuar smart tamén é aplicable á xeración de documentos de venda. “Isto”, sinala a compañía galega, “débese a que a tenda e o programa de xestión ClassicGes6 comparten a mesma base de datos”. Dito doutro xeito: as vendas producidas rexístranse no programa en tempo real, sen que o usuario teña que sincronizar os datos polos seus propios medios.

Segundo explican, ClassicAir 6 créase dende o programa de xestión; “non fai falla entrar en contornas web nin dispor de coñecementos de programación”. En definitiva, o Panel de Control é o propio programa, polo que a empresa pode actualizar os datos dende unha contorna de escritorio que coñece á perfección.
ClassicAir 6, a maiores, abrangue todas as ferramentas precisas para crearmos unha tenda profesional na Rede: pasarela financeira, ferramentas de posicionamento SEO para optimizar a tenda nos motores de procura, un catálogo de modelos personalizables e optimizados para dispositivos móbiles, etc.
A maiores, ClassicAIR 6 permite que o usuario pendure a tenda en Internet a través dunha IP e un dominio propio, ou ben que use o subdominio mitiendaair.com proporcionado por AIG a través do Servizo de Mantemento e Hosting.
AIG lanza unha plataforma intelixente para crearmos tendas en liña e xestionalas en tempo real
Compartir Este Artigo
