A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vai ter un máis que completo semestre en materia de formación. Serán, segundo vén de facer saber a entidade, un total de 43 cursos e xornadas para a primeira metade de 2017, destinadas todas estas actividades a fomentar a actualización das habilidades profesionais dos traballadores das empresas da súa área cameral. Unha vez máis, as TIC serán un eixe fundamental das accións da Cámera. Haberá obradoiros de informática e novas tecnoloxías, de contabilidade financeira e manexo de redes sociais para a xestión da marca persoal, de fiscalidade, de recursos humanos e adestramento, de comercio e distribución. Podemos ver a listaxe completa de obradoiros e xornadas nunha ligazón específica da páxina da entidade.
En materia tecnolóxico-dixital, teremos no arranque do semestre un curso de Excel financeiro, outro de contabilidade financeira informatizada e outro de redes sociais para a xestión de marca. Máis confirmaranse máis detalle sobre as restantes actividades TIC.
Sobre estes e outros cursos a Cámara lembra que as empresas interesadas poderán solicitar formación in situ, deseñada pola Cámara segundo as súas necesidades. Ademais, a entidade continúa coa política de descontos para os asociados, cun 20% de desconto, e tamén un 10% para matrículas anticipadas ata dez días antes do inicio da actividade formativa.
Reconto de 2016
A Cámara de Comercio lembrou tamén que o pasado ano programou e levou a cabo un total de 84 actividades formativas (36 cursos e 48 xornadas), que contaron coa asistencia de 1.879 alumnos. A temática centrouse, tamén, en formación sobre informática e novas tecnoloxías, economía e finanzas, recursos humanos e comercio e distribución.
Ademais, en 2016 a Cámara desenvolveu o Plan de apoio á competitividade do comercio minorista, financiado por fondos FEDER da Unión Europeo e promovido polo Ministerio de Economía e a Cámara de España para executar liñas de actuación orientadas á innovación e competitividade no pequeño comercio. A entidade realizou dezaséis diagnósticos de innovación comercial e organizou catro obradoiros sobre o impulso da tenda online e a posición en redes sociais en Melide, Santa Comba e Ribeira, e un taller de mercadotecnia en Santiago.
