Xerar tecnoloxías útiles e innovadoras, social e economicamente rendibles, debera ter sempre recoñecemento. Porén, debera ser obxecto de distinción, igualmente, a nosa capacidade para facer que esas tecnoloxías pasen dos ditos aos feitos, dos laboratorios dos centros tecnolóxicos e de I+D ao mercado. Sobre estes dous puntos (a capacidade de innovar e a capacidade de darlle aplicacións prácticas a esa innovación) quere actuar a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que vén de convocar, coa axuda de GAIN, os Premios de Transferencia de Tecnolóxica de Galicia edición 2017. Os galardóns, que xa teñen aberto o prazo de presentación de candidaturas, están dirixidos a grupos de I+D, PEME e grandes empresas. A contía total dos premios ascende a 28.000 euros netos.
Segundo informa a RAGC, trátase da terceira edición do certame. A premisa dos premios é a seguinte: unha axeitada transferencia de coñecemento é, por forza, unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Dito doutro xeito: canto máis e mellor transferencia, máis mellorará a nosa calidade de vida.
No caso de Galicia, informa a RAGC, “estes procesos veñen sendo impulsados con resultados que convén recoñecer a través de casos de éxito que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios”.
A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase “a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado”. A dotación do premio ascende a 6.000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estadía de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.
As dúas modalidades empresariais buscan os casos de éxito “máis representativos” de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. A primeira delas vai dirixida ás PEME galegas (incluíndo as microPEME) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascende a 12.000 euros netos.
No caso das grandes empresas, o premio toma como referencia os mesmos méritos que se valoran nas PEME, sinala a RAGC, apuntando que neste caso a diferencia radica en que o premio para a empresa ten carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento. O detalle das bases e da documentación a entregar pode consultarse nas webs da RAGC (ragc.cesga.es) e da GAIN (gain.xunta.es).
A RAGC premiará novamente os máis salientables esforzos galegos en materia de transferencia
Compartir Este Artigo
