
A xornada, amais de con representantes do CESGA e do CPEIG, contará coa presenza de catro investigadoras e desenvolvedoras TIC galegas para falar polo miúdo das súas experiencias e, tamén, para romper estereotipos nas etapas educativas previas á universidade (de feito, as súas vivencias serán compartidas vía streaming, e tamén de forma presencial, con centros educativos galegos). Isto será pola mañá, porque pola tarde o CESGA ten previstas máis actividades: obradoiros de robótica e programación (coa ferramenta Scratch e máis con Lego), impresión 3D, realidade aumentada, arte en píxel, creación de booktubes e booktrailers, etc. Ademais, tamén está programada unha visita guiada ao Supercomputador Finis Terrae 2, o corazón tecnolóxico do CESGA.
A cita organizada polo centro compostelán é a edición galega dunha celebración mundial, precisamente o Día Internacional das Rapazas nas TIC. Trátase dunha actividade orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
Volvendo á xornada prevista para Santiago, está previsto (como dixemos) que arrinque sobre as 11.00 horas cun coloquio virtual dende os centros educativos de Secundaria por multiconferencia con catro destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e desenvolvedoras TIC, que se porán a disposición do alumnado participante para darlle a coñecer os detalles do seu quefacer diario, amais de resolverlle dúbidas sobre un ámbito profesional que, como é sabido, está inzado de prexuízos e ideas preconcibidas que cómpre corrixir (por exemplo a falsa crenza de que a informática é só cousa de homes). A duración da actividade será de 1:30 horas, ata ás 12:30. Participarán as seguintes relatoras:
· Carmen Cotelo Queijo. Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa dende 1999 no Centro de Supercomputación de Galicia, onde é analista informática senior e coordina a participación do CESGA no proxecto europeo Fortissimo 2. Ten unha longa experiencia en proxectos de I+D en diferentes ámbitos como: comercio electrónico, computación de altas prestacións e Grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de HPC (computación de alto rendemento) aos seus procesos.
· Nieves R. Brisaboa. Doutora en Computación e Psicoloxía. Catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia. Foi xestora do Plan Nacional de investigación en Informática entre 2010 e 2014. Recibiu no 2016, do Colexio de Enxeñaría de Informática, o Premio Ada Byron, pola promoción da informática entre as mulleres. Impulsa tanto a investigación de excelencia como a transferencia de tecnoloxía.
· Alba Alonso. Doutora en Filoloxía Inglesa e mestra, emprendedora e fundadora da empresa RealKiddys.com, unha plataforma que promove un proxecto educativo de igualdade de xénero e coeducación sen estereotipos, elaborando material e actividades para traballar neste eido. Entre outras iniciativas recentes participou como relatora no TEDxGalicia 2015.
· María Jesús Taboada. Doutora en Ciencias Físicas pola USC. Investigadora en intelixencia artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC. Dirixe o grupo de investigación KEAM (Knowledge Engineering Applied to Medicine), referente a nivel internacional no seu eido.
A edición galega do Día das Rapazas nas TIC contará novamente co apoio do CPEIG
Compartir Este Artigo
