Achégase a conmemoración das nosas Letras e as entidades, asociacións e empresas da nosa terra pechan fileiras arredor da lingua e a cultura de noso. Se onte falabamos do compromiso de Feiraco, coas súas vertentes TIC (a libre descarga de obras de Carlos Casares) hoxe move ficha a Deputación de Coruña, que presentou a nova edición (a segunda) do concurso Quero Cantar e a súa arela de levalo, nesta convocatoria, ao centro mesmo do desafío dinamizador e normalizador. Ou sexa, alí onde se cadra é máis preciso promover a necesidade de coidar da lingua propia: os institutos. Quero Cantar, fixo saber a vicepresidenta da Deputación e responsable de Cultura e Normalización Lingüística da entidade provincial, recunca con web de seu (www.querocantar.gal) e coa vontade de servirse dela e das redes sociais para promover as achegas musicais da mocidade ao abeiro deste certame. Na dita web a rapazada poderá, entre outras cousas, votar as súas cancións preferidas ou escoitar/descargar os temas finalistas da anterior edición e (máis adiante) da presente.
O concurso, que foi presentado no IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago xunto co coordinador do mesmo, Tono Formoso, diríxese a convidar ao alumnado a facer música a prol do galego. O prazo para participar está aberto ata o 20 de xuño. Haberá dúas modalidades, unha para infantil para nenas e nenos de ata 12 anos e outra para xuvenil para unha idade comprendida entre os 13 e os 16 anos.
No transcurso da cita no IES de Santiago, o coordinador do concurso animou a ler as bases e “idear a modalidade da presentación”, tendo en conta que se pode concorrer cos distintos estilos musicais. “Só se precisa ter unha canción en galego e pode ser en calquera dos estilos”, díxolles a rapazas e rapaces presentes na exposición. Amais de cantar e contribuír á dinamización da lingua, a nosa mocidade poderá votar na Rede para escoller os grupos finalistas que pasarán á final que terá lugar no último trimestre do ano no Teatro Colón da Coruña.

A nova edición rexistra tamén un aumento da contía dos premios que consistirán en 1.500, 1.000 e 500 € en material escolar ou produtos culturais en galego para 1º, 2º e 3º de ambas as categorías, respectivamente.
Sanmartín e Formoso tamén lembraron que na anterior edición as cancións dos 10 grupos finalistas conseguiron máis de 100.000 reproducións en liña durante o prazo de semifinais, antes de se escoller o grupo gañador, que foi a banda Colaxe de Laxe. Ademais, sinalaron que o disco gravado coas dez finalistas da convocatoria 2016 está dispoñible con libre acceso na Rede.
Os grupos que queiran concorrer a agora deberán presentar a solicitude no modelo normalizado que se obtén nas webs www.dacoruna.gal e www.querocantar.gal, ou no Rexistro Xeral da Deputación achegando a maqueta da composición, a relación de compoñentes do grupo, a descrición das necesidades técnicas e de escenario, a breve biografía do grupo e o documento de aceptación das bases do concurso.
Querocantar.gal amosará ao mundo as músicas dos nosos estudantes a prol do galego
Compartir Este Artigo
