Esta semana celébrase finalmente o primeiro Congreso de de Xestión de Proxectos, #SilverBullet17, un evento dirixido a informarnos polo miúdo das técnicas, metodoloxías e procesos para garantir as meirandes posibilidades de éxito nunha iniciativa empresarial TIC. Ou sexa, que se falará moito e ben das cousas que sería recomendable facer cando temos entre mans un proxecto. Dando conta delas, o congreso contará coa presenza dun cento de profesionais, entre profesionais das nosas empresas, investigadores, expertos e docentes. A cita será este 11 de maio, na Cidade da Cultura de Santiago. Organizan o CPETIG e máis AMTEGA.
De feito, será inaugurado a primeira hora polo presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, Marcos Mata, e pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira. Segundo adiantan estas entidades nun plano máis concreto, o obxectivo do evento é “amosar as últimas tendencias metodolóxicas e favorecer as habilidades de xestión de recursos humanos, liderado e comunicación, como factores necesarios para o éxito dos proxectos”.
Contará cun panel de relatores formado por algúns dos máis representativos expertos do panorama actual en metodoloxías de desenvolvemento e coordinación de recursos técnicos e humanos, como José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e promotor do Capítulo PMI en Galicia; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, directora executiva en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
O CPETIG tamén lembra que o nome do congreso #SilverBullet17 está inspirado nun “coñecido antipatrón” do eido de xestión de proxectos, ou sexa un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posible co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.
Desta maneira, o obxectivo é tirar proveito da cita na Cidade da Cultura para abordar a cuestión da “bala de prata” dende tres ángulos diferentes pero complementarios: primeiro, o traballo sistematizado desde o inicio do proxecto; segundo, a aplicación de metodoloxías axeitadas; e terceiro, o coñecemento sobre a xestión de proxectos. Amais de amosar as últimas tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos, SilverBullet17 favorecerá a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.
A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17 as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus. Quen precise máis información sobre o evento ou ben formalizar a inscrición pode visitar a web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org.
#SilverBullet17 achegará ás novidades en xestión TIC a máis dun cento de profesionais
Compartir Este Artigo
