
Na xornada, un éxito en materia de participación e na calidade dos relatorios e os debates, os diversos relatores da mañá fixeron fincapé naqueles elementos que, a través da súa experiencia, cumpriría sempre aplicar para garantir as meirandes posibilidades de éxito no desenvolvemento dun proxecto tecnolóxico. Cousas como avaliar previamente necesidades e recursos, ter sempre presente o que quere conseguir ou apostar sempre por achegar solucións sinxelas aínda que os problemas a resolver revistan especial complexidade.
Outro punto no que se fixo fincapé foi o da motivación e o do traballo en equipo, buscando sempre fórmulas (algunhas previas, outras aplicables no camiño) para sacar o mellor dun grupo de profesionais e acadar a máxima empatía e capacidade de colaboración e intercambio de coñecemento.
Estes e outros puntos foron debullados ao longo da mañá por José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; e Susana Gómez Carnero, directora executiva (CEO) en Origami Soluciones e de BNI Galicia.
Pola tarde, logo do xantar, interviñeron Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC, e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain (compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios).
A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17 as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.
Inauguración
No acto de apertura oficial da xornada, o presidente do CPETIG, Marcos Mata, aproveitou para reivindicar a regulación da profesión e corrixir a actual situación de exclusión que sufre, derivada do Real Decreto 1837/2008, que exclúe a Enxeñarías en Informática das profesións reguladas. Marcos Mata fixo referencia ao carácter heteroxéneo das profesións ligadas aos proxectos TI “para urxir a regulación da informática”. E engadiu: “Temos hoxe aquí a enxeñeiros en informática, enxeñeiros industriais ou de telecomunicacións, dixo, e creo que é un bo exemplo da xusta reinvindicación de recoñecemento das nosas atribucións, coma son recoñecidas as dos nosos compañeiros industriais ou telecos, admitindo a natureza multidisciplinar en ámbitos coma a xestión de proxectos”.
Mar Pereira, pola súa banda, avogou no seu discurso por “romper estereotipos sobre a informática nun intre de desafíos importantes no que non só a xestión, senón tamén as persoas son determinantes”. Amais, salientou as oportunidades que se abren con eventos coma #SilverBullet17, que poñen o foco na variable da xestión. Tamén expresou a súa confianza en que a de hoxe sexa a primeira dunha manchea de edicións deste congreso.
