Galicia xa ten presenza física de seu na rede Impact Hub, o ecosistema de innovación social con presenza en máis de 85 cidades do mundo (e contando coa participación de 15.000 impulsores de startups). Estamos a falar da apertura do Impact Hub Vigo, cuxa sede de seu (na rúa Policarpo Sanz) inaugurouse oficialmente o pasado 10 de maio logo de dous anos xa de actividade. A cita contou coa presenza dunhas 70 persoas e, amais de dar a coñecer as instalacións e os obxectivos, aproveitouse para mostrar en detalle a páxina web, vigo.impacthub.net, un coidado espazo en liña con feitura de comunidade dixital e canle de comunicación e que se presenta, tamén, na nosa lingua (amais de en castelán e en inglés).
Volvendo ás dependencias estreadas, sinalar que estas e todas as súas equipas de innovadoras/es emprendedoras/es estarán integradas nunha rede internacional que, en boa maneira, funciona como gran referente da innovación solidaria das PEME e startups (PEME e startups que fan tecnoloxía e riqueza á par que contribúen a un mundo mellor). Os diferentes espazos mundiais integrantes de Impact Hub teñen múltiples ligazóns comunicativas e redes de traballo físicas e virtuais (contan cunha rede social propia, Hub Net, e un pasaporte propio, o Impact Hub Passport, que permite traballar en calquera impact hub de calquera cidade).

Á inauguración asistiron unhas setenta persoas, entre os que se atopaban emprendedores, representantes de institucións públicas (como Jaime Aneiros, concelleiro de economía do Concello de Vigo), representantes da Xunta de Galicia, de empresas da cidade e de diversas organizacións sociais e culturais.
Arredor de setenta persoas acudiron á apertura de Impact Hub Vigo
Compartir Este Artigo
