O CPETIG está a ultimar os detalles da que será a terceira edición do seu Scratch Day, unha xuntanza para crianzas e familias que ten como finalidade divulgar os valores da programación informática a todos os niveis do escenario educativo. A cita, dirixida a nenos e educadores pero tamén ás nais e aos pais, celebrarase o 27 de maio da Cidade Cultura. As familias interesadas poden inscribirse en scratchday.cpetig.org. A xuntanza desenvólvese coa colaboración de AMTEGA e vai dirixida a escolares de entre 7 e 15 anos. En palabras da organización, a idea é abrir unha porta á programación de maneira lúdica e divertida, ao tempo que se fai fincapé nas posibilidades desta disciplina como ferramenta de comunicación e como recurso para o futuro emprendemento.
Outro dos obxectivos do CPETIG é “contribuír a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a nenez os estereotipos de xénero sobre este eido do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital”.
Respecto do requirimento da participación das nais e os pais, fundaméntase na propia natureza da práctica informática e programática, unha materia que non remata non colexio (ten múltiples ramificacións na nosa vida diaria, comunicativa, formativa e laboral) e que, nalgúns casos, está inzada de prexuízos que espallan a falsa crenza de ser un universo pechado e accesible só para un perfil determinado de escolar. A idea do CPETIG é lembrar que a programación é un ámbito aberto e universal no que toda e todos podemos formarnos e destacar, lonxe de discriminacións por xénero e por procedencia. En base a isto, o colexio considera que a participación das nais e dos pais é clave para facer esmorecer os devanditos prexuízos. “Queremos que esta actividade non sexa unha excepción”, explica a equipa organizadora, “senón o principio dun labor a seguir no fogar”.
Durante a xornada do 27 de maio levarase a cabo, de xeito paralelo, unha acción formativa en Scratch destinada a persoas adultas, interesadas en adquirir métodos para impartir formación en programación para escolares.
A formación do Scratch Day será impartida por Código Octopus, unha plataforma de recursos en galego ao servizo do profesorado que desexe introducirse na programación para a docencia.
O CPETIG celebrará a terceira edición do seu Scratch Day na compaña das familias e dos educadores
Compartir Este Artigo
