O Concello de Allariz presentou hoxe ante a veciñanza e os medios de comunicación a súa nova páxina web, accesible en www.allariz.gal. Segundo fixo saber o Goberno local, trátase dun sitio en liña que ten unha marcada vontade de tirar o máximo proveito das vantaxes da Administración Electrónica (trámites máis doados que rompen barreiras físicas e temporais, comunicación máis fluída entre cidadáns e Concello, posibilidade de participar a veciñanza máis amplamente na vida pública local, etc). Asemade, allariz.gal centrará boa parte dos esforzos en informar ao detalle da actualidade da vila e a súa contorna e máis dos seus recursos turísticos, que son moitos e variados.
“O novo espazo”, informou o Goberno local, “foi deseñado co obxectivo de transmitir unha maior transparencia ademais de permitir aos cidadáns iniciar trámites de forma telemática, dende calquera lugar e momento”. Ademais, salientou que a nova páxina “proxecta unha imaxe máis renovada do Concello na Rede”.
Como dixemos, a páxina artéllase en torno a tres bloques temáticos principais: a actualidade (a través do Xornal de Allariz, dirixido a achegar un espazo de información completa e actualizada e permitir a participación), o turismo (cun Portal de Turismo que aínda se atopa en fase de desenvolvemento) e a Administración Electrónica (a través do apartado Concello e Servizos, dende o que se fornecen á cidadanía todos os servizos municipais e toda a información da Administración local). A web, que ten un compoñente moi visual (moi apoiado nos textos limpos e nas imaxes estáticas e en movemento), compleméntase con xanelas ás restantes páxinas locais de interese, como a do Festival Internacional de Xardíns, a do Outlet Allariz, a web da Reserva da Biosfera e a de Reatur, entre outras.
Allariz aposta por tirar partido da eAdministración na súa nova web
Compartir Este Artigo
