A Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AGGETT) organizou os pasado 8 de xullo unha xornada de traballo con visita incluída ás instalacións do aeródromo das Rozas, en Lugo. A xornada dirixiuse por unha banda a estreitar ligazóns cos profesionais, entidades e empresas que están a traballar no devandito complexo aéreo (moi centrado no pulo de tecnoloxías e sistemas que convertan a Galicia en referente de novos aproveitamentos dos vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés UAV). Por outra banda, a xeira de traballo tamén se encamiñou a fortalecer a base tecnolóxica dun dos grandes eventos organizados pola AGGETT, o Drones International Congress DIC Galicia, o Congreso Internacional de Drons de Galicia, cuxa primeira edición desenvolveuse (con notable éxito) o pasado mes de marzo.
A visita ás Rozas tamén incluíu un contacto directo cos profesionais e as instalacións do INTA en Lugo, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, co-responsable de fitos tecnolóxicos tan relevantes como o lanzamento do picosatélite XaTcobeo. Para o seu percorrido polas dependencias do INTA, acompañounos Neves Seoane Vieira, investigadora en Física da Atmosfera.
Asemade, a delegación de AGGETT (que cualificou a xornada de traballo de “moi produtiva”) visitou a Estación de Comprobación Técnica de Emisións Radioeléctricas de Rozas, da man do xefe provincial de Inspección de Telecomunicación, Raúl Fernández Tombilla.
A AGGETT visita o aeródromo das Rozas
Compartir Este Artigo
