Hoxe celébrase no CiTIUS da Universidade de Santiago unha xornada que é, en si mesma, unha boa oportunidade para amosarmos ao futuro das novas tecnoloxías. Ou sexa, para asomarnos a todas aquelas cousas que as tecnoloxías nos van axudar a facer dun xeito máis rápido, eficaz e rendible. Cousas como por exemplo vixiar polo miúdo a nosa saúde cardíaca (a través dun electrocardiograma que non é máis grande ca un cartón de crédito) ou protexernos de acosadores ou terroristas (mediante un complexo e avanzado sistema de rastrexo que os detecta nas redes sociais). Todo isto e máis poderemos velo, in situ, na terceira edición de Inside the Lab, un encontro de portas abertas dos investigadores do CiTIUS cos representantes da nosa industria e das nosas administracións.
Inside the Lab, para que nos fagamos unha idea do que representa, é unha xornada intensiva de transferencia tecnolóxica: unha oportunidade para tender pontes entre o CiTIUS e o mundo que ten ao seu arredor. Trátase, ademais, dunha fórmula de éxito, tal e como quedou manifestou nas anteriores convocatorias, nas que se selaron importantes acordos con compañías estatais e internacionais.
Entre as cousas que o sector empresarial e as administracións poderán coñecer atópanse sistemas para a captación de enerxía do ambiente co fin de abastecer tecnoloxías médicas bioimplantables, algoritmos para a detección precoz de persoas en risco de padecer depresión ou solucións baseadas na técnica LIDAR para a detección e identificación de edificacións. En palabras do CiTIUS, trátase “dunha ampla gama de resultados transferibles en múltiples ámbitos, escollidos polo miúdo co obxectivo de cubrir distintas necesidades do sector industrial e da sociedade”.
O encontro contará, ademais, coa presenza de dúas das spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e Imagames, empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación de empregados e estudantes, ou a mercadotecnia dixital.
Segundo informou os días pasados o CiTIUS, amosaranse e probaranse, en total, unha decena de solucións tecnolóxicas de última xeración, todas elas orixinais e singulares, non apoiadas nin xurdidas de probas e desenvolvemento doutras entidades e centros.
Unha destas solucións é Minería de datos para a detección temperá de riscos. Este proxecto, que posibilita a análise pormenorizada de textos nas redes sociais para achar ameazas antes de que se produzan, ten unha manchea de aplicacións, sobre todo ao abeiro dos corpos de seguridade. A través desta tecnoloxía, poden facer cousas como localizar depredadores sexuais a través de rastrexos nas redes, ou ben pederastas ou terroristas islámicos. Asemade, o sistema achega potencial para localizar potenciais suicidas, líderes de seitas ou persoas que animen a outras sobre os supostos beneficios da anorexia.
O CiTIUS loce hoxe músculo na xornada Inside the Lab
Compartir Este Artigo
