
No acto, os impulsores da plataforma fixeron tamén un percorrido polas novidades introducidas no seu seo durante este último ano, novas ferramentas co obxectivo de facilitar distintas tarefas vencelladas ao sector forestal. Por exemplo o portal Vendofinca.es, portal inmobiliario en liña que xorde co obxectivo de converterse nun punto de encontro para as persoas que estean interesadas no mercado de compra e venda de leiras rústicas. Segundo se fixo saber na cita no Campus de Lugo, o portal “pretende cubrir o baleiro deixado polos grandes portais inmobiliarios en liña, centrados na compra e aluguer de vivendas”. Pola contra, a ferramenta Vendofinca.es pon o foco nas leiras rústicas, desde parcelas agrícolas ata forestais. O portal, sinalaron, salienta pola súa sinxeleza de uso e por estar centrado na identificación das leiras rústicas a través dun mapa interactivo. Así, de cara aos anunciantes, a incorporación das súas entradas unicamente require que se rexistren na plataforma e incorporen a leira a través de catro sinxelos pasos a través dun proceso que é de balde. Por certo que dende a posta en marcha do portal, máis de 300 leiras rústicas incorporáronse ao portal.
Outra das novidades é eMonte Cubicar, unha aplicación que permite estimar o volume de madeira coa que conta unha parcela, tendo en conta varios datos como son a altura total da árbore, o seu diámetro, a especie da madeira ou o número total de árbores por parcela. Con esta aplicación, permítese estimar o volume de material dun lote de árbores das principais especies forestais de Galicia. Segundo se fixo saber no acto, “a ferramenta axuda aos propietarios forestais a xestionar as súas plantacións e á toma de decisións, amais de converterse nun excelente recurso de traballo para as empresas rematantes distribuídas por toda Galicia, posto que lles axuda a obter unha previsión da materia prima que se obterán en cada aproveitamento forestal”.
O feixe de cousas novas tamén inclúe outra ferramenta, eMonte conxuntas, unha aplicación web que destinada a axudar aos propietarios forestais na venda de lotes de madeira situados en parcelas dun tamaño moi reducido, feixes que na actualidade non suscitan gran interese para o seu aproveitamento forestal. A venda conséguese mediante a súa conversión en lotes dunha meirande envergadura a través da unión por Internet de propietarios forestais con parcelas nun ámbito xeográfico próximo.
O Grupo eMonte presenta tres novos recursos TIC para impulsar o noso sector forestal
Compartir Este Artigo
