A Industria 4.0 e as posibilidades do cómputo de alto rendemento para o ámbito do motor (no camiño dunhas meirandes sustentabilidade, eficiencia e respecto polo medio ambiente) están presentes nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017, que entrega cada ano a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cuxos destinatarios (nesta terceira edición) veñen de darse a coñecer. No certame, destinado a salientar as mellores prácticas impulsando coñecemento científico e tecnolóxico dende onde se “fai” ese coñecemento cara as nosas empresas, distinguiuse (co premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas) o labor de BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional Borgwarner, con sede en Vigo (Pontevedra) e responsable, co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da UVigo, dunha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos. Os galardóns entregaranse en datas vindeiras en Compostela.


Como dixemos, o premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en BorgWarner Emissions Systems Spain. O seu traballo co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos. Este sistema será implantado en todas as fábricas que BorgWarner ten repartidas polo mundo. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.
Segundo informa a RAGC, o proxecto galardoado consiste “nunha ferramenta de cálculo computacional que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica”. Isto, engade a academia galega, “suporá unha vantaxe competitiva importante, dado que a normativa europea revisa continuamente á baixa os límites das emisións dos coches, polo que é determinante para o sector contar con solucións máis avanzadas e eficientes no menor prazo posible, coa garantía de que cumpren os requisitos establecidos”.
No capítulo de vantaxes concretas, o desenvolvemento recoñecido pola RAGC posibilita non só reducir a cifra de ensaios físicos para cada novo desenvolvemento ou modificación (probas que adoitan ser custosas e estenderse moito no tempo), senón tamén optimizar a capacidade de resposta e a fiabilidade. En virtude desta tecnoloxía, todos os centros de BorgWarner poderán testar cada novo sistema anticontaminación ou cada modificación dun existente, “de xeito rápido e económico”, a través de prototipos virtuais xerados por ordenador.
A RAGC recoñece un proxecto 4.0 para reducir as emisións dos motores
Compartir Este Artigo
