A xestión dos dereitos de autor por parte das plataformas de música en streaming é extraordinariamente complexa, e aínda que este xeito de consumir música é agora o máis popular entre boa parte da poboación, non sempre facilita a reprodución musical cos permisos pertinentes das discográficas, como vén de denunciar Wixen Music Publishing, compañía que presentou unha demanda ante un tribunal federal de California contra Spotify, compañía á que acusa de ofrecer temas como Free Fallin’ de Tom Petty, Light My Fire de The Doors e uns dez milleiros de cancións máis sen ter licenza para iso nin compensar economicamente pola súa explotación comercial, de aí que pidan 1.600 millóns de dólares en concepto de danos.
Esta demanda de Wixen deixa en evidencia que o copyright está a converterse nun grande problema para Spotify, compañía que ten varias demandas e xa chegou a varios acordos extraxudiciais ante situacións semellantes, resultando especialmente rechamante que a demanda sostén que preto do 21% dos 30 millóns de cancións do catálogo de Spotify carecerían da licenza necesaria.
A demanda parecer ser unha chamada de atención, e incluso é posible que non prospere ante as dúbidas de que Wixen teña a autorización necesaria para emprender accións tan agresivas, xa que nun principio só estaría autorizada para negociar acordos de licenza. Entre os artistas representados por Wixen estarían Tom Petty, Zach de la Rocha e Tom Morello (Rage Against The Machine), Dan Auerbach (The Black Keys), Donald Fagen (Steely Dan), Rivers Cuomo (Weezer), David Cassidy, Kim Gordon (Sonic Youth), Stevie Nicks e Neil Young, entre outros.
Piden 1.600 millóns de dólares a Spotify por ofrecer milleiros de cancións sen licenza
Compartir Este Artigo
