
O congreso que se celebra en Silicon Valley (California) leva celébrase baixo o epígrafe Wearable Tech + Dixital Health + Neurotech Silicon Valley. Trátase, segundo nos contan dende Handytronic, dun dos eventos de referencia internacional nos ámbitos da neurociencia e as novas tecnoloxías para a saúde. En edicións anteriores celebrouse no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), a Universidade de California en San Francisco e a New York Academy of Sciences.
En palabras de Jacobo Penide, director xeral da startup galega, “o evento é un auténtico epicentro da innovación tecnolóxica”. Handytronic presentarase o martes 27 de febreiro nun relatorio no que se debullará o desenvolvemento da cadeira de rodas intelixente, baseada nunha plataforma de electroencefalografía que permite ler os impulsos cerebrais e traducilos en movemento, aprendendo das pautas neuronais de cada usuario. Xunto a este proxecto, Penide exporá tamén unha evolución desta solución igualmente fundamentada na neurociencia e a Intelixencia Artificial. Trátase, como dixemos, dunha plataforma para o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva e as enfermidades mentais, proxecto no que Handytronic colabora con dous centros hospitalarios da provincia da Coruña.
A plataforma que a firma galega desenvolve xunto a equipos médicos especializados en doenzas mentais do Hospital Marítimo de Oza (A Coruña) e da área de saúde mental do Complexo Hospitalario de Ferrol permite definir biomarcadores clave no diagnóstico precoz da deterioración cognitiva. O equipo formado pola startup galega recolle os impulsos eléctricos do cerebro do paciente e unha serie de parámetros biomédicos seleccionados e, a través de algoritmos de Intelixencia Artificial, establece correlacións entre os patróns de actividade neurolóxica detectada, a partir das cales é posible realizar o diagnóstico. O proxecto prevé a próxima realización dun ensaio clínico cun centenar de pacientes afectados en diferentes graos por declive cognitivo, depresión ou demencia.
O que se vai presentar en Estados Unidos
Segundo informa Penide, a innovadora solución de mobilidade para persoas con diversidade funcional que Handytronic presentará en Silicon Valley está integrada por unha cadeira de rodas motorizada, un casco con 14 eléctrodos, unha tableta cun software específico, e un hardware de integración. “A conexión entre o casco e o computador é sen fíos, a través do protocolo Bluetooth”, explica, engadindo que en virtude de todas estas tecnoloxías, o capacete é “quen de rexistrar os impulsos eléctricos que xera a actividade cerebral e o software transfórmaos en ordes que permiten guiar a cadeira co pensamento”. Ademais, a entrada en xogo da Intelixencia Artificial capacita ao sistema para aprender das rutinas mentais do usuario, adaptándose a el e reducindo o tempo de adestramento necesario para o manexo da cadeira. Igualmente, fai posible que o sistema poida recoñecer distintos usuarios, afacéndose a cada un deles.
O proxecto conta coa colaboración da Universidade da Coruña (UDC), a través do Máster de Informática Biomédica. A recente posta en marcha da Cátedra Handytronic sobre Bioinformática para Ciencias da Saúde permitirá completar o proxecto de I+D nas súas próximas fases. O equipo de UDC está dirixido polo investigador da área de Percepción, Cognición e Interacción do Centro de Investigación TIC (CITIC), Javier Pereira.
Handytronic presenta a súa revolucionaria cadeira de rodas smart en Silicon Valley
Compartir Este Artigo

