Este 23 de marzo temos unha cita cos contidos dixitais e, máis ca nada, coas cousas que se están a facer para que a televisión que coñecemos (a de toda a vida) evolucione ata converterse en algo completamente distinto: accesible, inmediato, adaptable aos nosos gustos e a todo tipo de aparellos tecnolóxicos terminais. De todas estas cousas e da experiencia de Mediaset España falaranos esta sexta feira (venres) o galego Manuel Villanueva, director xeral de contidos da dita compañía, quen participará nunha charla ao abeiro dos Parladoiros Audiovisuais de AGADIC. A cita será no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia na Coruña.
Dirixida tanto a profesionais como a estudantes do sector, a sesión dará comezo ás 12,00 h. e será de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Segundo informa a organización, o público terá a oportunidade de coñecer de primeira man a xestión de contidos de Tele 5, Cuatro e toda a oferta multicanle de Mediaset España. Cuestións como a permanencia do modelo de negocio da televisión xenérica en aberto, a súa convivencia coa oferta en liña e de pagamento, as tendencias dos formatos de lecer e a achega ás grellas televisivas do cine e a ficción de produción.
Nado en Marín, Manuel Villanueva atesoura unha longa e brillante experiencia na xestión de contidos en televisións públicas e privadas. Os seus primeiros pasos deunos na TVG, onde chegou a ser director de programas, para máis tarde ocuparse deste traballo en canles como Canal + ou Antena 3. Ocupa o seu posto de director xeral de contidos en Mediaset España dende o ano 2002, situando Tele 5 como a cadea televisiva líder en audiencia en España.
O director xeral de contidos de Mediaset fala na Coruña da nova xestión televisiva
Compartir Este Artigo

