O Concello de Santiago presentou o pasado 23 de marzo unha axenda en liña cos congresos e eventos que se celebran na cidade. A ferramenta foi dada a coñecer pola concelleira de Turismo, Marta Lois, e pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, que sinalaron que o novo recurso de información pode consultarse xa na web www.santiagoturismo.com, onde se agarda que xere unha importante actividade en beneficio do sector (que viña anos demandando coñecer coa maior antelación posible as datas de celebración de eventos e congresos na cidade para así poder adaptar a súa oferta), da cidadanía e, por suposto, dos visitantes en potencia que estean a piques de acudir a Compostela.
A nova ferramenta está xestionada polo Santiago Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago para a promoción como destino de congresos, que incluirá actividades na axenda baixo os seguintes parámetros e criterios: ter un número mínimo de 50 participantes, ter unha duración mínima de 6 horas, celebrarse no termo municipal compostelán, estar confirmado e ser xa público ou contar coa aprobación dos organizadores para publicalo na axenda. En xeral exclúense eventos culturais, deportivos, galas, feiras…, agás casos concretos de especial relevancia para o destino.
Lois e Ramil lembraron que a ferramenta xorde cos mellores agoiros: o do afianzamento progresivo de Compostela como cidade congresual, un proceso que segue unha tendencia á alza dende hai anos e que se mantén claramente este 2018. Segundo fixeron saber, “só entre os seis principais congresos e eventos que se celebrarán este ano chegarán a Santiago máis de 6.000 participantes”.
Santiago estrea axenda en liña de congresos e eventos
Compartir Este Artigo

