Dende finais de 2009 Google ofrece servidores de DNS públicos nos enderezos 8.8.8.8 e 8.8.4.4, de xeito que como alternativa aos servidores do noso provedor de acceso á Rede podemos empregar a infraestrutura que ofrece Google para a resolución de nomes de dominio de Internet, o que en moitos casos supón unha mellor na experiencia de uso, pero dende Cloudflare consideraron necesario mellorar este servizo, tanto en velocidade como en privacidade, polo que veñen de lanzar de xeito público servidores de DNS nos enderezos 1.1.1.1 e 1.0.0.1.
Se configuramos estes servidores na nosa conexión á Internet poderemos empregar os sistemas de Cloudflare para converter nos nomes dos dominios da Internet nos enderezos IP reais nos que están hospedados os servidores das máquinas ás que queremos acceder, o que pode resultar preferible ao uso das DNS que achegan os nosos provedores de acceso, tanto en velocidade de acceso como para evitar problemas de censura, xa que en moitas ocasións hai páxinas web e outros servizos que están bloqueados a nivel de DNS dentro dun determinado territorio, e o uso de servidores de DNS exteriores poden paliar a situación.
Para compañías como Google soster servidores públicos de DNS pode resultar moi valioso xa que os usuarios que os usan están a darlles información sobre a súa actividade constantemente (o que tamén poden facer os nosos provedores de acceso á Rede) de aí que exista certa preocupación por parte de moitos usuarios que a partires de agora teñan unha alternativa para estaren máis tranquilos.
Problemas con Movistar e Vodafone
Iso si, distintos usuarios de Movistar e Vodafone están a dar conta de que o servidor de DNS principal de Cloudflare, no enderezo 1.1.1.1, non funciona correctamente para eles. No caso de Movistar parece que o seu router HGU emprega o enderezo público 1.1.1.1 para labores internas (o que supón a vulneración de normas básicas do funcionamento da Internet) aínda que aseguran que o servidor no enderezo 1.0.0.1 si parece funcionar con normalidade, mentres que no caso de Vodafone aínda non transcendeu a causa dos problemas dos seus routers co novo servidor de DNS de Cloudflare.
