
Como lembraremos, o sistema de padrón municipal de habitantes diríxese a emendar os problemas existentes nos concellos á hora de optimizar a axilizar os procesos de rexistro de cidadanía, atrancos que se derivan (principalmente) da heteroxeneidade das solucións implantadas para xestionar o padrón, incluíndo, en palabras da Deputación, “solucións desfasadas con mantementos incorrectos e que non se atopan integradas coa Administración Electrónica”. Para arranxar estas eivas, a Deputación de Pontevedra destinou 500.000 euros e o resultado foi un “servizo cen por cen de balde para os concellos de menos de 50.000 habitantes, que permite migrar os datos existentes nas aplicacións actuais de cada administración local así como integralas na plataforma de Administración Electrónica, facilitando a xestión de expedientes e a realización de trámites municipais, evitando colas e desprazamentos”.
O servizo de padrón, que se ofertará a través dunha nube privada, inclúe tamén formación en cada concello e mantemento correctivo e evolutivo, “co obxectivo de garantir a corrección de incidencias e a actualización e inclusión de novas funcionalidades”, engade a entidade provincial.
A Deputación de Pontevedra tamén informou que o servizo de impresión e dixitalización encamíñase a pór en xogo condicións “máis favorables e custos máis competitivos” en relación ás devanditas tarefas. Desta maneira, a entidade que preside Carmela Silva facilita a xestión administrativa dos contratos e unifica o parque de equipos de acordo ás necesidades de cada entidade. De feito, explica a titular do Goberno pontevedrés, “conseguimos un dos prezos máis baixos de todo o Estado”.
O servizo TIC de padrón municipal da Deputación de Pontevedra xa recibiu 19 solicitudes
Compartir Este Artigo

