Esta semana (ata hoxe) estase a celebrar finalmente a terceira edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U, unha cita galego-portuguesa coas redes e coas posibilidades de mercado laboral para a comunidade universitaria que aquelas abren. Na organización atópanse a UVigo e (da outra beira da raia) as universidades de Porto, UTAD (Trás-os-Montes e Alto Douro) e a Universidade Católica Portuguesa – Oporto. Segundo informan, as cifras de participación non poden ser máis positivas nin amosar mellor as importantes expectativas xeradas polo evento: esta terza feira rexistráronse 2.500 persoas inscritas demandando emprego (de toda Europa pero sobre todo do ámbito galego-portugués) e 130 firmas ofrecendo oportunidades profesionais e mostrando a súa actividade. Por outra banda, xa se presentaran preto de 3.000 currículos e se concederan unhas 200 entrevistas a través do Skype.
Das 132 empresas participantes hai 42 procedentes de Portugal; 26 de España; 6 de Bélxica, 6 de Reino Unido e o resto proceden, entre outros, de Francia, Alemaña, Suecia, Grecia e Eslovaquia. Entre as firmas que máis currículos recibiron (máis de cen cada unha) están o Grupo Hotusa ou a consultora tecnolóxica Alten. No caso portugués sitúase en primeiro lugar o Exército e séguenlle o grupo Covep, relacionado co sector do deseño e a fabricación de móbeis e a consultora de recursos humanos Human Profiler. Ás empresas cómpre engadir as dúas ducias de puntos de información de institucións que non publican ofertas, pero que si ofrecen asesoramento variado na busca de emprego, e 14 servizos públicos de emprego que colocan as ofertas dos seus respectivos países. Entre todos publicáronse xa 592 ofertas de emprego que se traducen en 2.425 postos de traballo.
Polo que atinxe aos perfís, ampliouse o abano de ofertas. Así, malia a importancia do tecnolóxico, este ano son tamén numerosas as ofertas que chegan desde ámbitos como a sanidade, o traballo social e a educación. Amais, hai moita demanda de especialistas nas diferentes ramas do mundo da enxeñaría (mecatrónica, eléctrica, telecomunicacións…), pero tamén no da medicina, a enfermaría ou fisioterapia.
Ademais da posibilidade de contactar coas empresas, as persoas participantes (sobre todo demandantes de emprego con titulación universitaria) teñen tamén á súa disposición un programa de actos cunha interesante e variada oferta de obradoiros e sesións informativas sobre competencias transversais e desenvolvemento persoal, emprendemento, empregabilidade a nivel europeo, así como presentacións de empresas e institucións sobre as súas necesidades de contratación de persoal.
Milleiros de currículos collen pulo na nosa feira virtual Finde.U
Compartir Este Artigo

