Até 20 empresas, algunhas delas do ámbito das TIC, participaron hoxe na primeira edición da Feira de Emprego Universitario de Lugo, que foi inaugurada a primeira hora polo presidente da Deputación, Darío Campos, a alcaldesa Lara Méndez, e o presidente da Escola de Finanzas de A Coruña, Venancio Salcides. A iniciativa, organizada por dita escola coa única colaboración de ambas as dúas institucións lucenses, contou coa presenza de firmas como Softtek (empresa de raizame mexicana e con presenza na nosa terra, adicada ao desenvolvemento de software), Disashop (centrada na distribución de produtos electrónicos prepago), a consultora PWC, Hotusa, Cafés Candelas, Nortempo, BDO Auditoría, Vegalsa-Eroski ou Caixabank.
Todas elas co nexo común de ter presenza na provincia e todas elas co nexo común de andar á procura de perfís laborais para a súa contratación.
A cita tamén acolleu o desenvolvemento de obradoiros de balde para mellorar a carta de presentación laboral das e dos candidatos.
O organismo provincial levou a esta xornada a súa Axencia de Colocación, un servizo de balde que xera sinerxías entre os demandantes e ofertantes de emprego existentes na provincia para “contribuír a unha verdadeira inserción laboral no conxunto do territorio lugués”. Segundo lembrou a Deputación, o primeiro resultado deste traballo é a contratación no mes de maio de 185 lucenses actualmente no paro noutras tantas entidades da provincia.
A entidade que preside Darío Campos tamén mostrou ás empresas da feira os perfís laborais que se adaptan as súas necesidades e forman parte da base de datos da súa Axencia de Colocación, que conta xa coa información profesional de máis de 2.000 lucenses. O organismo provincial tamén recolleu nova información laboral de mozos da provincia no paro co obxectivo de poñelos en contacto con entidades lucenses nas que poidan traballar.
Campos Conde salientou que a Feira de Emprego Universitario “é unha oportunidade única para que a nosa mocidade manteña contactos con recoñecidas empresas de cara a súa inserción laboral. Por este motivo, dende a Deputación, ao igual que dende o Concello de Lugo, dúas institucións que imos da man e compartimos unha firme aposta polo emprego, tivémolo claro dende un principio e decidimos contribuír á celebración desta cita en Lugo”
As TIC tamén tiveron presenza na Feira de Emprego Universitario de Lugo
Compartir Este Artigo

