A Cámara de Comercio de Santiago vai iniciar en maio unha actividade formativa para achegar a xuventude ás ferramentas tecnolóxicas. O obxectivo: fortalecer os currículos das/os menores de 30 anos para incrementar posibilidades de emprego. Trátase dunha nova edición do curso de formación troncal do Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE), que se celebra a partir do 14 de maio impartirá nas aulas da entidade ata o 1 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O curso ofrecerá orientación en temas de empregabilidade, información referente a habilidades sociais e técnicas de comunicación e competencias dixitais para a busca de emprego, achegando aos participantes ao manexo das redes sociais e a creación de perfís profesionais en Linkedin ou outras plataformas. Segundo informa a Cámara, será un curso práctico, baseado en dinámicas de grupo e con simulación de entrevistas de traballo. A inscrición fica aberta ata o 7 de maio nas dependencias da entidade cameral no número 44 da rúa San Pedro de Mezonzo.
Esta formación troncal forma parte do plan de capacitación do programa gratuíto PICE, unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación da Garantía Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo. Está destinada a perseguir a empregabilidade de mozos e mozas menores de 30 anos, que nin están estudando nin traballando actualmente.
Segundo informa a entidade compostelá, na primeira edición desta actividade, celebrada este mes de abril, o alumnado manifestou a súa plena satisfacción co curso, ao que cualificaron como “imprescindible” para a formación orientada ao inicio da vida laboral.
A Cámara de Santiago forma a xuventude en redes sociais e empregabilidade
Compartir Este Artigo

