Aínda que o obxectivo principal de Spotify é converter os seus usuarios de balde en usuarios de pagamento iso non quere dicir que descoiden ao público que non pasa por caixa e, de feito, consideran que telo contento pode axudar a que nalgún momento pasen a converterse en usuarios Premium. Con esa idea na cabeza veñen de actualizar as condicións dos usuarios de balde, para ofrecerlles un xeito novo, mellorado e máis personalizado para descubrir e escoitar música.
Temos así que Spotify para iOS e Android está a actualizarse para que os usuarios con contas financiadas mediante publicidade poidan gozar de novas características como son:
– Listaxes de reprodución baixo demanda: os usuarios terán 15 listaxes de reprodución en función dos seus gustos musicais, nas que poderán moverse a vontade (ou sexa, que poderán reproducirse os seus temas cando se queira, sen ter que estar pendente da orde de reprodución nin do número de saltos de temas dispoñibles).
– Maior personalización: cando un usuario se dá de alta responderá a preguntas que axudarán a definir as listaxes de reprodución que máis se axustan aos seus gustos. Estas listaxes iranse adaptando día a día en función da actividade de reprodución. Os usuarios tamén poderán indicar os temas e artistas dos que gustan e os que queren agochar, para que o sistema de recomendación vaia aprendendo de cada preferencia persoal. Tamén será posible crear e editar listaxes de reprodución ao noso gusto, información que tamén aproveitará Spotify para achegar máis suxestións.
– Aforro de datos móbiles: cando se empregue Spotify en mobilidade o sistema procurará que o consumo de datos móbiles sexa inferior mediante o Data Saver, optimizador que poderá seleccionarse manualmente.
Spotify mellora as condicións para os seus usuarios de balde
Compartir Este Artigo
