Finalmente celebrouse no Campus de Pontevedra a festa da Internet e do coñecemento dixital dende unha óptica plenamente nosa. Falamos do Día das Redes Galegas, que se desenvolveu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que se saldou “nunha xornada de exaltación da figura dos e das xestores de comunidades virtuais, das redes sociais e da presenza do galego nas redes”, en palabras do profesor Xabier Martínez Rolán, impulsor do evento. Nel participaron, amais de Martínez Rolán, tres profesionais formadas no centro amosando cadanseu caso de éxito ao abeiro do novo mercado dixital.
Asemade, interviñeron Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus en funcións; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
A xornada veu da man de Xavier Martínez Rolán, en colaboración coa dita Facultade, a Vicerreitoría do Campus, a Área de Normalización Lingüística da Universidade (ANL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Como dixemos contou novamente cun panel de conferenciantes moi destacable: as/os tituladas/os de Ciencias Sociais e Comunicación mostrando as súas frutíferas experiencias profesionais. Este panel estivo constituído por Lucía Gómez, directora de mercadotecnia de contidos e medios sociais de Elogia, a referencial axencia de márketing con sede en Vigo; Cristina García, responsable de comunicación dixital en Esmerarte Industrias Creativas, firma centrada en promoción cultural ao abeiro das novas ferramentas e en facer comunidade arredor do fenómeno creativo; e Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos.
Segundo fixo saber Rolán, a xornada foi unha oportunidade para “demostrar que no eido da comunicación dixital e das redes sociais hai un futuro moi prometedor”. O profesor tamén fixo un percorrido polas orixes do evento, que naceu como Social Media Day, reconvertido o pasado ano no Día das Redes Galegas para incidir en que “nas redes sociais é un dos lugares onde o galego se xoga o seu futuro”.
Nese mesmo senso, o decano, Xosé Baamonde, lembrou que “a sociedade galega ten que debater que fai co idioma”, se facer del “unha lingua morta que queda como obxecto de estudo que sacamos a pasear o Día das Letras, ou unha lingua viva coa que participamos nas redes sociais” e “facemos vida normal”. Previamente, o director da ANL, Paulo Cabral, salientou que “Internet é o lugar onde máis medra o galego” e o medio “máis democrático e participativo ”, polo que “do grao de implicación das persoas que fan xestión das comunidades virtuais” dependerá, engadiu, “sermos quen de chegar moi preto, pero sobre todo, moi lonxe e moi dentro co idioma”.
Como dixemos, na cita en Pontevedra tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que puxo o foco na importancia que ten “a presenza do galego nas redes sociais para o futuro do idioma propio de Galicia” e animou aos alumnos presentes a converterse “en dinamizadores da lingua desde elas aproveitando o potencial que estas teñen e a formación que vós estades recibindo nesta Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”.
Da mercadotecnia dixital á industria musical
Un coloquio moderado polo profesor Alberto Dafonte completou unha xornada que Lucía Gómez abriu afondando no proceso de traballo que desenvolven no eido da mercadotecnia dixital desde Elogia. Tamén falou da súa experiencia profesional Jorge Medal, neste caso de como a produción televisiva e as redes sociais “son plataformas distintas” cun mesmo obxectivo, xerar contidos. Concretamente, abordou a súa experiencia na última edición de Operación Triunfo, “un caso desmesurado” de como moitos formatos de televisión “incrementan audiencias ou conseguen xerar ruído grazas ás redes”. Cristina García, pola súa banda, abordou como as redes sociais supuxeron “unha revolución” na industria musical, onde se converteron nunha “ferramenta moi potentísima para visualizar proxectos”, como lanzamentos discográficos ou concertos e festivais, así como para “xerar diálogo e conectar cos seareiros”.
A serie de relatorios completouse afondando na experiencia de Youtubeir@s, un proxecto dirixido a fomentar a presenza do galego nesta rede social a través de varias liñas de acción, como o concurso de creación de vídeos que a pasada semana celebraba a entrega de premios da súa segunda edición.
O Día das Redes Galegas convida a facer fronte común dixital a prol da lingua
Compartir Este Artigo

