A estratexia smart da Deputación de Ourense vén de ser recoñecida pola Asociación Premios Ciudadanos. Máis polo miúdo, trátase dun premio ao proxecto Provincia Intelixente da entidade galega, un galardón que distingue esta iniciativa orientada (entre outras cousas) a unificar a xestión dos datos dos concellos arredor da Deputación, e todo con tres obxectivos: cooperación, posta a punto de recursos e redución de custes. Isto, explica a asociación, inclúe a creación de interfaces “válidas e dinámicas entre o público e o privado” e “un equilibro entre a política e a tecnoloxía”.
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar foi o encargado de recoller o galardón en nome da institución, no salón de actos da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital, en Madrid. Jorge Pumar explicou que este proxecto galardoado é “un dos catro obxectivos específicos do Plan de Mandato Ourense 15-19 e desenvólvese en tres liñas principais: a administración electrónica provincial, a intelixencia de información provincial e a toma de decisións intelixentes”. Asemade, o vicepresidente salientou que o proxecto Provincia Intelixente “favorece a creación dun ecosistema investidor de grandes compañías tractoras e de pequenos investidores que desenvolvan produtos arredor do concepto smart”.
A Deputación de Ourense compartiu distinción con outras entidades do ámbito privado como Samsung, premiada polo proxecto Samsung Smart School; Novartis, pola estratexia Comunicación en Saúde coa cidadanía; ou Janssen, polo seu compromiso nas melloras no acceso aos medicamentos.
Premiado o proxecto Provincia Intelixente da Deputación de Ourense
Compartir Este Artigo

