Segue adiante, collendo corpo e xa preto da súa materialización definitiva, o programa de empregabilidade Ben Empregado 4, máis social, posto en marcha pola Deputación de Lugo para facer realidade a consecución de 185 postos de traballo entre a veciñanza da provincia, unha parte importante dos cales son ocupacións ligadas directamente ás novas tecnoloxías da información. Segundo informou a Deputación, veñen de rematar as últimas probas de selección da cuarta edición do programa, ao abeiro das cales realizáronse máis de 4.200 entrevistas entre os 1.340 lucenses no paro que optan aos postos de traballo do Goberno provincial.
A entidade que preside Darío Campos tamén anunciou que nos vindeiros días publicaranse en benempregado.deputacionlugo.org e no taboleiro de anuncios da Deputación as puntuacións acadadas nas entrevistas e a listaxe definitiva dos lucenses seleccionados que se incorporarán aos 185 novos empregos nas próximas semanas. Como lembraremos, todos estes beneficiados estarán un ano contratados nas empresas e colectivos da provincia, pois o Goberno da Deputación asume os custos laborais de todos estes desempregados.
Dos 1.340 aspirantes a estes novos empregos xerados polo Goberno da Deputación co Ben Empregado 4, máis social, son 1.157 persoas as que concorreron á liña A1, na que 127 empresas buscan outros tantos perfís de diversas profesións. O Executivo provincial financiará ao 50% os custos laborais dos traballadores durante un ano.
Outros 264 lucenses concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 19 empresas ofrecen 19 empregos. No caso dos beneficiados desta liña, o Goberno da Deputación financiará ao 100% os custos salariais destes profesionais, fomentando a igualdade de oportunidades.
E por último, para a liña 2 foron 650 demandantes de emprego os que optaron aos 39 postos de traballo que demandan outros tantos colectivos sen ánimo de lucro da provincia e que recibirán o 90% da axuda da Deputación.
O programa Ben Empregado 4, como recordaremos, é a nova edición dunha iniciativa de impulso e inserción laboral, con frontes activas a ámbalas beiras do proceso (entre as persoas demandantes, por unha banda, e entre as empresas e entidades diversas con necesidades de profesionais, pola outra).
O orzamento da Deputación para cubrir os custos laborais dos novos traballadores é de 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers, os técnicos en informática, os programadores, os deseñadores gráficos, etc.
Ben Empregado 4 acubillou 4.200 entrevistas para os seus novos postos de traballo
Compartir Este Artigo

