O Consorcio de Santiago está a dixitalizar o legado de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), fotógrafo compostelán que foi quen de rexistrar e inmortalizar, co seu obxectivo e a súa ollada certeira, boa parte do contexto social, cultural e demográfico da Galicia do século XX. Os traballos de dixitalización responden a un acordo asinado hai uns meses entre os herdeiros de Estalote e o Consorcio de Santiago, para ceder os fondos do fotógrafo e poñelos a disposición do público e dos investigadores.
Así, o fondo fotográfico de Estalote componse dunhas 4.000 fotografías e uns 90 metros de película repartidos nuns 1.500 negativos que reflicten a cidade de Compostela nas décadas centrais do século XX. Asemade, tamén se conserva o álbum de fotos persoal de Estalote: a súa familia, as súas viaxes, excursións… Cómpre salientar imaxes tan curiosas como o Campus e a estación de tren acabados de constuír, o edificio do actual Parlamento de Galicia rodeado de leiras, a Praza Roxa a prado e mesmo os primeiros partidos de fútbol do Compostela na Residencia.
“As fotos están relativamente ben conservadas”, asegura Xabier Vieiro, responsable do proceso de dixitalización e conservación do fondo, que botaba a andar en marzo deste ano.
E cales son as fotos máis antigas de Estalote? Pois son da Guerra Civil, do 1936 ao 1939. No momento do alzamento Estalote estaba en Burgos e mesmo chegou a retratar a Franco. No caso da cidade de Santiago, as instantáneas máis antigas corresponden aos últimos anos da década dos corenta do pasado século e as máis modernas datan dos anos 1974 a 1977. Engadir, a xeito de curiosidade, que coas súas fotos facíanse postais da cidade para os turistas.
Segundo Vieiro, “a colección vai ter un valor enorme como patrimonio cultural da cidade. Ademais, co paso do tempo terá aínda máis valor porque Estalote pintaba a man moitas copias, que eran en branco e negro. Facíao cuns iluminantes, unha especie de pinceis. É unha intervención directa e singular do autor, como se se tratase dun cadro”.
O Consorcio de Compostela dixitaliza o legado fotográfico de Estalote
Compartir Este Artigo

